A finais do mes de xullo foi publicado por diversos sindicatos o cese do programa RAOGAL dende a Consellaría de Educación, en plenas vacacións estivais e ante a sorpresa de profesionais e familias.
O programa RAOGAL funcionaba en Galicia dende 2021, atendendo a alumnado e familias en situación de risco académico motivado por circunstancias sociais e educativas, alumnado con dificultades de aprendizaxe e risco de absentismo ou abandono escolar.
Dende a profesión do traballo social e, concretamente dende o grupo de traballo social en educación do Colexio Profesional de Traballo Social de Galicia, vimos anos demandando a necesidade dunha atención permanente, especializada e centrada no alumnado e nas familias tanto a nivel de prevención como de promoción dunha educación inclusiva. A necesidade dunha intervención integral dende a interdisciplinariedade, na que profesións como a nosa aporte e interveña dende o propio sistema educativo en coordinación cos outros sistemas como o de servizos sociais ou o sanitario.
Consideramos a RAOGAL como un parche insuficiente para cubrir as necesidades deste alumnado e das súas familias, dende o momento que naceu como un programa temporal financiado por fondos europeos, pero era un inicio cara unha intervención social e educativa sensible ás diversas circunstancias e situacións que se concentran nas aulas dos centros educativos e que o profesorado non pode acadar, por falta de tempo, medios e formación específica.
O cese deste programa deixa unha baleiro preocupante na atención ao alumnado vulnerable na nosa comunidade. Dende o grupo de traballo social en educación do COTSG mostramos a nosa máis fonda preocupación ante a situación actual no sistema educativo galego e instamos á Consellería a que reflexione sobre as necesidades dunha atención específica cunha visión integral, na que o contexto social, o económico, o de saúde e o familiar cobren o protagonismo que teñen no desenvolvemento do alumnado.
Actuacións a nivel preventivo e de promoción dunha boa convivencia nos centros; actuación beneficiadoras dunha asistencia regular; actuacións beneficiarias da inclusión de alumnado migrante; intervencións co fin de complementar as necesidades educativas coas necesidades sociofamiliares que reverten no propio éxito académico…
Lembremos que o sistema educativo é o sistema ideal á hora de observar e de prever situacións problemáticas que acaban desembocando, co tempo, no colapso doutros sistemas de protección social como é o de servizos sociais, o xudicial ou o de saúde.
Instamos á Consellería de Educación a reverter esta decisión e a garantir, con medios propios e estables, a atención social e educativa do alumnado máis vulnerable. A escola galega precisa compromiso real, non parches temporais, para que ningún neno ou nena quede atrás por cuestións alleas á súa vontade.
GRUPO DE TRABALLO DE TS EDUCATIVO DO COTSG_AGOSTO 2025

