A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia decidiu propoñer a Unión Profesional de Galicia a concesión do Premio á Excelencia Profesional e Compromiso Profesional na categoría de Traballo Social á compañeira Eva María González Santiago.
Eva María Gozález Santiago representa un exemplo de compromiso ético, capacidade de liderado e dedicación ao benestar colectivo, contribuíndo de maneira significativa ao fortalecemento dos Servizos Sociais e á construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.
É unha profesional do ámbito do Traballo Social cunha sólida traxectoria no eido público, actualmente desempeñando a súa labor no Concello de Santiago de Compostela, onde exerce como xefa de sección dos Servizos Sociais municipais. Diplomada en Traballo Social, iniciou a súa carreira profesional na atención directa á cidadanía, desenvolvendo funcións como traballadora social en diferentes unidades de intervención comunitaria. Ao longo destes anos, destacou polo seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas e pola súa especial sensibilidade cara aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Co paso do tempo, asumiu responsabilidades de coordinación e xestión, liderando equipos técnicos e participando activamente no deseño, implementación e avaliación de políticas sociais a nivel local. Desde o seu posto actual, contribúe de maneira decisiva á planificación estratéxica dos Servizos Sociais, impulsando iniciativas orientadas á inclusión social, á atención integral das persoas e á innovación nos modelos de intervención. Ademais da súa labor profesional na administración pública, desenvolveu tamén actividade docente como profesora na Escola Universitaria de Traballo Social (EUTS), contribuíndo á formación de novas xeracións de profesionais e compartindo a súa experiencia práctica no ámbito da intervención social. A súa traxectoria caracterízase polo rigor profesional, a vocación de servizo público e unha firme aposta polo traballo en rede, colaborando con entidades sociais, administracións e recursos comunitarios. Participou ademais na elaboración de plans e programas municipais de referencia, especialmente no ámbito da loita contra o senfogarismo e a exclusión social.
Por todo isto, a súa figura encarna á perfección os valores da Excelencia Profesional e o compromiso ético que define á nosa disciplina. A candidatura de Eva González Santiago non é só un recoñecemento a unha carreira brillante no eido público e docente, senón tamén un tributo ao rigor do Traballo Social en Galicia. Desde o COTSG estamos convencidas de que a súa traxectoria é o mellor reflexo do impacto positivo que a nosa profesión ten na sociedade. A nosa máis sincera noraboa por este merecido recoñecemento á túa dedicación e compromiso. Parabéns, Eva!

