Día Mundial das Persoas Refuxiadas
Data: Xuño 20, 2026

20 de xuño, desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, alzamos a voz para conmemorar o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, pero sobre todo, para denunciar a deriva das políticas migratorias actuais.

Asistimos con fonda preocupación e indignación aos recentes acordos no seo do Parlamento Europeo que lexitiman as devolucións en quente, o endurecemento dos controis fronteirizos e a externalización de fronteiras. Como profesionais do Traballo Social, non podemos nin queremos ser cómplices do silencio.

A realidade das persoas refuxiadas non se pode entender sen unha perspectiva crítica e antirracista. Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia denunciamos a dobre moral institucional que acolle con dignidade a uns pobos mentres condena a outros polo seu país de orixe.

O refuxio é un dereito humano, non un privilexio xeopolítico.

O racismo institucional e as políticas de exclusión matan e desumanizan. Fronte a isto, o Traballo Social defende unha acollida digna, universal e con perspectiva de xénero e interseccional.

O noso código deontolóxico bríndanos unha folla de ruta clara: a defensa intransixente da dignidade humana e os Dereitos Humanos. Por iso, desde o COTSG esiximos:
-Vías legais e seguras: Ningunha persoa debería xogarse a vida no mar ou poñerse en mans de mafias para fuxir da guerra, a fame ou a persecución.
-Fin das devolucións ilegais: Esiximos o respecto absoluto ao dereito de asilo e ao principio de non devolución no Parlamento Europeo e en cada fronteira.
-Políticas de inclusión real: Recursos públicos dignos para acompañar os procesos de arraigo, saúde mental, vivenda e emprego das persoas refuxiadas en Galicia.
-Combater o discurso de odio: Desmantelar os bulos racistas que fragmentan os nosos barrios e criminalizan ás persoas vulnerables.

Ningunha persoa é ilegal. As fronteiras non poden estar por riba da vida. Hoxe e todos os días, dende o Traballo Social, seguimos tecendo redes de solidariedade, xustiza e acollida.