Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia sumámonos á conmemoración do 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e da Saúde no Traballo, unha data promovida pola Organización Internacional do Traballo (OIT) para poñer o foco na prevención dos riscos laborais e na promoción de contornas de traballo seguras, saudables e dignas.
Esta xornada tamén nos convida a lembrar ás persoas traballadoras falecidas ou feridas a consecuencia de accidentes laborais e enfermidades profesionais, así como a reforzar o compromiso colectivo coa cultura preventiva en todos os ámbitos de actividade.
Dende o traballo social, entendemos a saúde laboral nun sentido amplo, que integra non só a seguridade física, senón tamén o benestar psicosocial das persoas. Os riscos derivados da organización do traballo, a precariedade, a sobrecarga, a falta de recoñecemento ou o estrés laboral teñen un impacto directo na saúde, na dignidade e na calidade de vida das persoas traballadoras.
Neste 28 de abril queremos poñer en valor o papel fundamental da prevención e da intervención interdisciplinar, na que o traballo social achega unha mirada centrada nas persoas, nos dereitos laborais e na equidade. Promover espazos de traballo saudables implica tamén combater as desigualdades, favorecer a participación e garantir condicións laborais xustas.
Reafirmamos o noso compromiso coa defensa dun emprego digno, seguro e saudable, e coa construción dunha sociedade que sitúe no centro o coidado das persoas no seu contexto laboral.

