Defensa do Traballo Social nos Equipos de Orientación Específicos no Parlamento galego
Data: Novembro 24, 2024

O COTSG, en colaboración co Bloque Nacionalista Galego (BNG), promoveu unha intervención no Parlamento de Galicia para defender a importancia de manter a figura profesional do Traballo Social nos Equipos de Orientación Específicos provinciais galegos.

As deputadas Cristina Fernández Davila, Ariadna Fernández González e Olalla Rodil Fernández denunciaron a eliminación gradual destas prazas nos equipos de orientación, quedando na actualidade unicamente en Lugo, con previsión de amortización. As prazas en Coruña, Ourense e Pontevedra xa foron amortizadas, deixando un baleiro na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, diversidade e circunstancias adversas.

O BNG destacou a relevancia das funcións das traballadoras/es sociais nestes equipos, que inclúen a valoración sociofamiliar do alumnado, a coordinación cos servizos sociais e de saúde, e o apoio ás familias, entre outras. A desaparición desta figura supón unha desatención grave ás necesidades socioeducativas do alumnado máis vulnerable.

Por todo isto, o BNG instou á Xunta de Galicia a dotar novamente aos Equipos de Orientación Específicos e aos centros de educación especial da categoría de Traballo Social, garantindo así unha atención individualizada e de calidade.

Desde o COTSG seguiremos traballando para que esta demanda sexa atendida e para asegurar que os dereitos do noso colectivo e do alumnado galego sexan respectados.

+ info