Defensa da Profesión: Escrito ao INSS
Data: Decembro 26, 2024

Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia COTSG expuxemos a nosa preocupación ante as múltiples comunicacións por parte das profesionais do Traballo Social de Servizos Sociais comunitarios a esta entidade, das dificultades significativas das persoas usuarias en establecer contacto co Instituto da Seguridade Social para solicitar información e asesoramento.

Vimos recibindo información da imposibilidade de contacto telefónico por parte das persoas usuarias, profesionais de Servizos sociais e do propio Concello. Este feito está a repercutir negativamente na calidade de vida das persoas usuarias e mais vulnerables do sistema ao non garantir o acceso ás mesmas. Neste senso, vense na obriga de acudir aos Servizos sociais de proximidade para solicitar axuda para os trámites do INSS, propios dun sistema que nada ten que ver con Servizos Sociais.

As persoas usuarias que acoden aos Servizos Sociais para solicitar información, asesoramento e axuda nos trámites para o INSS, está xerando unha preocupante sobrecarga de xestión nos Servizos Sociais así como para as/os profesionais do Traballo Social, realizándose estas xestións dun xeito máis eficaz se estableceran máis alternativas de contacto.

En virtude do exposto, solicitamos que  dende o Instituto Nacional de Seguridade Social se tomen as medidas precisas para abordar esta problemática de xeito urxente e efectiva, para poder garantir o acceso aos recursos e a atención correspondente a poboación. Este feito pasaría por reforzar a atención presencial para dar unha cobertura real ás necesidades da poboación, en concreto, ás persoas máis vulneradas desta comunidade.

Así mesmo, mellorar a coordinación entre profesionais do INSS con profesionais de Traballo Social dos Servizos Sociais do Concello mediante contactos directos entre ambas institucións.