Consideracións respecto as alegacións da FEGAMP sobre a Lei 8/2021 do 2 de xuño
Data: Abril 18, 2024

O COTSG vén de enviar alegacións tanto á FEGAMP como á Consellería de Política Social, dado que tivemos coñecemento  da solicitude efectuada por esta entidade a todos os municipios galegos con respecto á petición de alegacións sobre un modelo de “Informe Socio-sanitario” que se remite con motivo da entrada en vigor da Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, en virtude do cal, e tendo en conta o alcance e repercusións que esta cuestión suscita, consideramos conveniente realizar as seguintes consideracións:

  • A raíz da aprobación e entrada en vigor da Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, modificáronse tanto o artigo 759 da Lei de Axuizamento Civil, como o artigo 42.bis da Lei 15/2015, do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria. Ambos preceptos establecen a obrigatoriedade de que sexan recabados os ditames periciais necesarios e especializados dos ámbitos social e sanitario para acreditar a necesidade da adopción das medidas de apoio.
  • Resultan os Informes emitidos polas profesionais do Traballo Social, polo tanto, de enorme importancia para poder garantir correctamente os dereitos e as liberdades fundamentais das persoas máis vulnerables que se podan ver afectadas, ao permitir coñecer do xeito máis completo e próximo a concreta situación, as necesidades que se demandan, tanto a nivel persoal como a nivel patrimonial e poder instar posteriormente a medida de apoio que mellor se axuste ás circunstancias específicas da persoa afectada, e quen é a persoa ou institución máis idónea para satisfacer a súas necesidades, respectando sempre a súa dignidade, e en particular, os seus desexos e/ou preferencias que contribúan a fomentar a autonomía e independencia, facendo partícipe á persoa usuaria na toma das súas propias decisións razoadas e razoables. Do mesmo xeito, o informe social, daría resposta á petición da autoridade xudicial sobre os tipos de apoio e asistencia que poidan requirir calquera persoa con discapacidade a o longo da súa traxectoria vital.
  • Tendo en conta o anterior, consideramos que o Informe elaborado pola FEGAMP de “recollida de datos” remitido á atención de Alcaldías e Servizos Sociais dos Concellos galegos, é un instrumento que carece de base científica e metodolóxica e que presenta eivas graves ao deixar sen cobertura os campos a recoller que requiren unha valoración sobre o tipo de apoios ou sobre a asistencia que resulte adecuada en cada caso concreto para a persoa con discapacidade, así como tamén sobre a súa familia.
  • Consideramos fundamental e imprescindible para a elaboración e aplicación práctica dun modelo de Informe Social con esta repercusión e importancia como o que aquí estamos a falar, que se conte coa participación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, tendo en conta ademais, que o mesmo conta con Grupos e Comisións de Traballo conformadas por profesionais expertas altamente especializadas para elaborar e traballar na realización dun Informe social  e dende a práctica diaria de tales características.
  • Neste sentido, este Colexio Profesional xa manifestou á Dirección Xeral de Xustiza a iniciativa de proposta do impulso e creación de Oficinas de Atención Social, implicando así que as e os/as Traballadores/as Sociais actuarían como profesionais de enlace entre os Xulgados e os organismos e servizos de protección social e instrucións e servizos asistenciais, pretendendo con elo un tratamento integral do problema social detectado

 

Dende o COTSG queremos  poñer de manifesto o noso profundo malestar por non ter a FEGAMP consensuado, consultado, acordado nin validado con esta entidade de dereito público a elaboración dun modelo de Informe Social aos efectos expostos, xa que tal e como consta na actualidade, o Informe enviado aos municipios galegos consideramos que atenta claramente co espírito e fin da Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

Adxuntamos xunto con esta nova un modelo de reclamacións, en consonancia co exposto arriba, para que cada profesional, se así o considera, poida remitilo a FEGAMP. 

Modelo de Reclamación para FEGAMP