Ás numerosas denuncias realizadas polas distintas organizacións ao respecto das graves eivas patentes na cumprimento dos dereitos das persoas dependentes -empeoradas cas últimas modificacións-, engadiuse o pasado mes de novembro a preocupación ante o anuncio das modificacións nesta materia vinculadas á Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, e que sen dúbida supoñen un novo retroceso na atención ás persoas dependentes e vai a restrinxir a participación da sociedade civil no eido dos servizos sociais.
As citadas organizacións rexistraron xa nese mesmo mes un escrito solicitando a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, nun pleno urxente do Consello Galego de Benestar Social, advertindo de que as modificacións recollidas na Lei de Acompañamento, así como as emendas á mesma, implican prexuízos para o procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e discapacidade, así como para as propias funcións do Consello Galego de Benestar Social.
Ante a tentativa da Consellaría de evitar dar explicacións sobre as modificacións operadas e as súas consecuencias -a día de hoxe seguimos sen ter resposta á solicitude de comparecencia da conselleira-, así como de eludir un debate público no Consello Galego de Benestar Social que permita visibilizar a responsabilidade da Xunta no feito de que actualmente Galicia ostente a porcentaxe de solicitudes de dependencia máis baixa de todo o Estado español -só 18 de cada 100 persoas dependentes a solicitan, desmotivadas pola falta de medios e continuas modificacións lexislativas; unha media de 30 persoas morren cada mes nas listas de agarda-, CCOO, COTS e SLG-CCLL chaman á cidadanía a secundar esta mobilización a fin de denunciar o desleixo da administración pública nun tema esencial para a dignidade de todas as galegas e galegos como é a atención ás persoas con dependencia, opoñéndonos á precarización e privatización destes servizos, así como ao baleirado de competencias do propio CGBS.