Resposta CONTUNDENTE por parte do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia en relación á moción que presentará o grupo Democracia Ourensana no concello de Ourense:
COMUNICADO:
A proposta do grupo municipal Democracia Ourensana amosa un preocupante descoñecemento das necesidades dos veciños e veciñas de Ourense. Xa que sendo os servizos sociais do concello un dos sistemas públicos máis demandados pola cidadanía, o goberno municipal desta cidade renuncia ao desenvolvemento dende o ámbito máis próximo á súa veciñanza.
Os novos retos sociais detectados na cidade de Ourense, tales coma os movementos migratorios, poboación envellecida, soidade non desexada, condutas aditivas, problemática de saúde mental, violencia de xénero, as novas problemáticas infanto-xuvenís cun grave impacto nas familias, fan urxente a mobilización de todos cantos recursos sexan necesarios dende todas e cada unha das administracións competentes, incluídas, como non podería ser doutro xeito, o ámbito local.
Dende a profesión do traballo social vimos alertando da situación de sobrecarga dos servizos sociais e da necesidade do deseño de políticas e programas que dean resposta ás necesidades actuais e o necesario e urxente impulso por parte de tódalas administracións competentes neste traballo.
Esta profesión ven de redefinir un novo modelo de servizos sociais baseado na calidez, a proximidade e centrado nas necesidades reais das persoas. Tendo como obxectivo sociedades de coidado, cohesionadas e sostibles, onde a prevaleza a vida fronte a intereses económicos.
É polo tanto, urxente e inaprazable un pacto local de tódalas formacións políticas por uns servizos sociais que garantan a universalidade e proximidade deste sistema público de dereito, tal e como está recollido na normativa vixente, e que a moción de Democracia Ourensana omite deliberadamente.
Este Colexio Profesional considera que as políticas sociais nunca deben ser consideradas un gasto, senón como un investimento a calidade de vida das persoas.