Comunicado menores migrantes
Data: Xullo 15, 2024

En Santiago de Compostela a 12 de xullo de 2024.

Dende o COTSG tachamos de inadmisible o tratamento que se esta a dar dende algúns partidos políticos e medios de comunicación a acollida de 347 menores migrantes non acompañados. Unha vez máis, non podemos tolerar a mensaxe xenófoba e equivocada dos movementos migratorios, menos aínda, cando de quen falamos é de nenos e nenas.

Este Colexio profesional, como órgano que representa a profesión de Traballo Social en Galicia, mostra a súa preocupación pola visión deshumanizada e intolerante que se está a trasladar nos últimos días e lamentamos profundamente que favoreza a fractura social dentro do noso país.

Segundo a Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria, a acollida polo noso país de persoas migrantes que se atopan nunha situación de necesidade de protección internacional é unha obriga legal imperativa para a Administración Pública e, segundo o informado por ACNUR (alto comisionado das Nacións Unidas para os refuxiados), máis da metade dos menores entrevistados serían susceptibles de acadar o estatuto de refuxiados, ao fuxir de conflitos armados nos seus países de orixe e ser vítimas de graves vulneracións de dereitos humanos.

Na actual situación son necesarias e urxentes políticas publicas de carácter integrador que garantan a protección e a cohesión social. Os organismos públicos deben mostrar unha actitude solidaria e de cooperación, afastándose de intereses partidistas e discursos que favorezan o odio e o racismo.

Por este motivo, dende a profesión do Traballo Social queremos facer un chamamento a cidadanía, xa que como sociedade non debemos, non podemos, permitir a utilización de cuestións tan relevantes e que afectan a directamente a vida das persoas, respondendo a intereses partidistas e a reparto de cotas de poder e do espazo político.

O Traballo Social ten como pilar do seus fundamentos éticos as cuestións dos dereitos humanos, da xustiza social, da dignidade humana e a autodeterminación dos suxeitos en canto persoas/cidadanía, polo que entra dentro da súa esencia a protección das interaccións sociais, favorecer o cambio e o avance en materia de dereitos, resolver conflitos e mellorar as condicións de vida de todas as persoas, especialmente, das que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade.