Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vimos recollendo a preocupación da colexiación ante a nova reforma lexislativa, derivada da aprobación e entrada en vigor da Lei 8/2021, xa que a necesidade do coñecemento profesional da disciplina do Traballo Social ante a valoración e o diagnóstico da situación e contorna da persoa usuaria, precisan dunhas medidas acompañadas dos correspondentes medios técnicos, materias e sobre todo, persoais necesarios que eviten colapsar o sistema de Servizos Sociais.
Ante esta situación, ao longo destes últimos meses este colexio profesional estivo negociando coa Dirección Xeral de Xustiza a posibilidade de aumentar o persoal nos equipos dos xulgados así como a creación das Oficinas de Atención Social nas diferentes sedes xudiciais co fin de reducir a sobrecarga coa que xa contan os equipos ordinarios do IMELGA, podendo ser esta unha solución para canalizar a elaboración de informes periciais en situacións de mediación e tamén os informes requiridos ante esta nova lei de apoio a discapacidade. O obxectivo destes órganos serían os de facilitar a integración de resultados, velar polos obxectivos a acadar e os resultados esperados, así coma a xestión de incidencias e desviacións identificadas.
Lamentablemente, esta negociación non resultou positiva baixo a valoración do COTSG. A Dirección Xeral de Xustiza ofreceu un convenio de colaboración para xestionar estes expedientes mediante o exercicio libre, pero dende esta Xunta de Goberno consideramos que se debe apostar en primeira instancia sempre polo reforzo de persoal, e en definitiva, pola mellora na calidade dos servizos públicos, asegurando así unha mellor saúde profesional e unha atención digna a cidadanía.
Para complementar a información deste comunicado, a continuación móstranse as diferentes propostas presentadas a Dirección Xeral de Xustiza:
- Creación de Oficinas de Atención Social nos Xulgados: este colexio profesional, como corporación de dereito publico, ten entre os seus fins colaborar coas distintas Administracións no ámbito das súas competencias, en virtude do cal, propoñemos á Dirección Xeral de Xustiza unha actuación conxunta para adoptar medidas inmediatas de carácter estrutural nunha situación, como a actual, que implica de xeito profundo a ambos organismos. En virtude do anterior, propoñemos unha liña concreta de traballo para vincular o sistema Xudicial cos sistemas de Servizos Sociais e Sanitario mediante a creación das Oficinas de Atención Social e a coordinación coa figura do Traballo Social. Sen dúbida, este modelo ofrecería un servizo público máis eficiente e eficaz nos xulgados e de moita maior calidade, máis aló do problema xurídico concreto que se suscite; ademais de complementarse o traballo xudicial co diagnóstico social.
- Colaborar na elaboración de protocolos que coordinen as distintas profesionais implicadas na elaboración de informes. Sería preciso abordar o deseño de protocolos de actuación que coordinen ás e aos diferentes profesionais que interveñen neste proceso, isto é, profesionais do sistema de Servizos Sociais, do Sistema de Saúde, do Sistema Xudicial, etc, para establecer os procedementos de atención, coordinación, seguimento e derivación máis axeitados que permitan dar resposta ás necesidades específicas de xeito coordinado e integral. Neste sentido, o Colexio conta con profesionais expertas da Comisión de Discapacidade, representativas de todas as áreas nas que se traballa o seguimento e elaboración dos informes sociais, que poden contribuir positivamente na elaboración dos devanditos protocolos.
- Este Colexio profesional, desde a entrada en vigor do Real Decreto-Lei 11/2020 e da Lei 8/2021, recibe consultas frecuentes sobre cómo dar resposta a estas novas demandas; desde dificultades para poder asumir en tempos un informe social complexo desde os Servizos Sociais Comunitarios Básicos, cuestións técnicas e xurídicas ou diferenzas na estrutura dos modelos de informe social requiridos entre provincias, entre outras.
En relación a esta última cuestión, a suposta heteroxeneidade da estrutura dos informes sociais requiridos estase a valorar como un problema engadido para os/as traballadores/as sociais que están xa emitindo os mesmos. Actualmente, hai disparidade de criterios entre os distintos partidos xudiciais que dificultan a elaboración dun documento práctico e eficaz por parte das profesionais.
Neste sentido, e para atallar esta problemática, o Colexio conta cunha Comisión de Discapacidade, conformada por profesionais expertas/os neste eido, co obxectivo de elaborar un modelo específico de Informe social unificado para toda a Comunidade Autónoma. Contar cun modelo plantexado por profesionais do traballo social desde esta mirada de coñecemento directo garantiza que sexa un instrumento técnico-científico clave na valoración de apoios das persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica e que cumpra co recollido na propia Lei. - Resultaría imprescindible que se requira a realización de cursos de formación impartidos dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, nos que ademais de ofrecer coñecementos técnico-xurídicos básicos, abarcaría unha aprendizaxe que permita adquirir a sensibilización e concienciación necesaria sobre aspectos sociais que afectan ás persoas usuarias; marcándose como obxectivo que as e os Traballadores Sociais que pertenzan ás Oficinas de Atención Social podan desenvolver as habilidades necesarias para levar a cabo un servizo e asesoramento integral e de coordinación efectivo.
- Desde o Colexio considérase relevante a participación na creación de Mesa/s de Coordinación ou Seguimento, conformadas por representantes do sistema de Servizos Sociais, do Sistema de Saúde, do Sistema Xudicial, etc que permitan supervisar o progreso técnico das diferentes actuacións propostas (Oficinas de Atención Social, protocolo/s de coordinación, formación de profesionais, etc).
O obxectivo destes órganos será facilitar a integración de resultados, velar polos obxectivos a acadar e os resultados esperados, así coma a xestión de incidencias e desviacións identificadas.
Seguiremos traballando e insistindo, sempre pensando no noso benestar profesional e na atención de calidade para a cidadanía.