A Asemblea de delegadas en Europa da Federación Internacional do Traballo Social celebrada os días 26 e 27 de outubro en Lisboa, aprobou unha moción a proposta do Consejo General e Asociación Irlandesa de Ts, co respaldo da Asociación Portuguesa de Ts, na que se recolle a necesidade de que os gobernos dean unha resposta áxil e coordinada para garantir os dereitos humanos a todas as persoas que chegan a Europa. O documento, do que se pode consultar o orixinal en inglés, fai un chamamento a ter en conta as características de determinados grupos, e intensificar o esforzo na súa atención.
O colectivo de menores inmigrantes é un dos que se considera prioritario tanto pola súa realidade vital e social, como pola necesidade de recursos para incorporarse social e laboralmente. O investimento no seu futuro é un investimento en cohesión para a sociedade. Reclamase tamén a distribución equitativa por todos os territorios como medida fundamental para posibilitar a súa integración.
As mulleres emigrantes, son outro dos colectivos que necesitan especial atención, xa que a discriminación por xénero opera transversalmente e a situación das que non teñen papeis é de estrema vulnerabilidade.
A necesidade de atención á saúde mental dos e das inmigrantes e a reclamación dunha regularización das persoas que viven en Europa de xeito irregular, son as outras demandas concretas que conten este documento.
Asemblea de delegadas da FIT Europa: acordo para reclamar un pacto europeo pola Migración e o Asilo
Data: Decembro 3, 2024