ACCIÓN CONXUNTA DA CONFEDERACIÓN DE ANPAS E O COTSG
Data: Novembro 24, 2024

Recentemente, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) e a Confederación Anpas Galegas uníronse nunha acción conxunta para abordar unha preocupante situación no ámbito educativo da nosa comunidade.

Nun escrito dirixido ao Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, ambas as entidades expresamos a nosa inquietude pola falta de cobertura das prazas de Traballo Social nos Equipos de Orientación Específicos (EOE). Esta carencia, que xa fora comunicada en anteriores escritos sen obter resposta, afecta gravemente a varias provincias galegas, deixando desprovistas deste servizo esencial á Coruña, Pontevedra e Ourense.

O COTSG e a Confederación Anpas Galegas resaltamos a importancia fundamental da intervención social no ámbito educativo para mellorar o rendemento académico, a integración social e escolar do alumnado. Neste sentido, instamos á Consellería de Educación a avanzar na presenza de profesionais do Traballo Social nos centros escolares, subliñando a necesidade de traballar directamente con estudantes, familias e profesorado.

Ambas  entidades consideramos que a atención educativa sen a presenza de Traballadores Sociais, figuras crave na intervención sociofamiliar, non cumpre cos estándares mínimos de calidade esixibles a unha administración comprometida coa defensa dos servizos públicos. Esta situación pon en risco os dereitos sociais da cidadanía galega afectada.

O Traballo Social Educativo desempeña un papel fundamental na mellora das oportunidades de aprendizaxe, a redución das desigualdades socioeconómicas, a prevención do abandono escolar e o fomento da participación das familias na comunidade escolar.

Neste contexto, solicitamos con carácter de urxencia a cobertura das prazas vacantes e solicitamos unha reunión coa Consellería de Educación para abordar este tema de vital importancia.