Aberto o prazo de inscrición para a V Xornada Galega de Traballo Social e Saúde
Data: Xuño 25, 2026

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), en colaboración coa Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Asociación Española de Traballo Social e Saúde (AETTS), organiza a V Xornada Galega de Traballo Social e Saúde, que terá lugar o vindeiro 23 de outubro de 2026 no Salón de Actos do Hospital Montecelo (Pontevedra).

Baixo o lema “Por unha atención sanitaria orientada á equidade”, esta quinta edición converterase nun espazo de encontro para profesionais do Traballo Social, especialmente do ámbito sanitario, co obxectivo de reflexionar sobre os retos actuais da intervención social na saúde, compartir experiencias e poñer en valor o papel do Traballo Social na construción dun sistema sanitario máis equitativo e centrado nas persoas.

A programación contará coa participación de profesionais de referencia do ámbito sanitario, académico e institucional. Entre os contidos previstos destacan a conferencia inaugural sobre a integración da equidade e dos determinantes sociais na organización sanitaria, dúas mesas de debate centradas no recoñecemento do Traballo Social como profesión sanitaria e na autonomía como dimensión clave da atención sanitaria, un espazo para comunicacións libres e unha conferencia de clausura dedicada á visión do Traballo Social Sanitario desde a xestión e a dirección.

A xornada inclúe tamén pausas para o intercambio profesional e un xantar, favorecendo a creación de espazos de encontro entre persoas profesionais de diferentes ámbitos e territorios.

Inscrición aberta

As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición. A matrícula inclúe a asistencia á xornada e a comida.

  • 20 € – Persoas colexiadas.
  • 50 € – Persoas non colexiadas.
  • 10 € – Persoas colexiadas e socias da AETTS.
  • 5 € – Estudantado.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026.

👉 Todo sobre a V Xornada

👉 Formulario de inscrición

Envío de comunicacións

A organización abre tamén o prazo para a presentación de comunicacións libres. Poderán presentarse experiencias profesionais, proxectos, estudos, relatos ou casos clínicos relacionados co Traballo Social e a Saúde.

O envío deberá realizarse mediante un resumo, segundo as indicacións recollidas na web da xornada, antes do remate do prazo de inscrición.

A V Xornada Galega de Traballo Social e Saúde consolídase así como un dos principais espazos de encontro, actualización e intercambio de coñecemento para as profesionais do Traballo Social Sanitario en Galicia.