A Deputación da Coruña convoca o VI Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais
Data: Agosto 27, 2026

A Deputación Provincial da Coruña publicou a convocatoria do VI Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, destinado a recoñecer o labor desenvolvido polas entidades sociais da provincia na defensa dos dereitos da cidadanía, na atención aos colectivos máis vulnerables e na mellora do benestar das persoas e das comunidades.

A convocatoria conta cunha dotación total de 42.000 euros, distribuída en seis premios de 7.000 euros:

  • Cinco premios para proxectos nas categorías de investigación científica no ámbito dos servizos sociais; iniciativas no ámbito rural; persoas maiores, discapacidade e dependencia; familia, infancia e adolescencia; e inclusión social.
  • Un premio destinado a recoñecer a traxectoria dunha entidade no ámbito dos servizos sociais.

Poderán participar as entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no ámbito dos servizos sociais na provincia da Coruña e estean inscritas como entidades de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 1 de setembro de 2026, ás 08.00 horas, ata o 30 de setembro de 2026, ás 14.00 horas.

As solicitudes e o resto da tramitación deberán realizarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

Consulta as bases completas da convocatoria