Asesoría xurídica
O Colexio pon ao disposición de todas as persoas colexiadas un servizo gratuíto de Asesoría Xurídica, que presta a Letrada Julia Álvarez Martín, para facilitar a orientación e asesoramento legal en asuntos relacionados co exercicio da profesión.
Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia cremos na importancia de coñecer de antemán tanto os nosos dereitos como as nosas obrigas, así como as posibles consecuencias xurídicas das diferentes actuacións que levamos a cabo diariamente no noso traballo, sendo fundamental contar cun asesoramento legal que evite ou minore os problemas ou inconvenientes que xorden con certa periodicidade no devir das diferentes relacións e actos aos cales nos enfrontamos como traballadores e traballadoras sociais.
A Asesoría Xurídica responde a consultas sobre o exercicio profesional, tendo especial incidencia asuntos referidos a condicións laborais, procedementos selectivos, protección de datos, dereitos e deberes das persoas usuarias; dereitos e deberes das/os profesionais, intrusismo profesional, segredo profesional, etc.
Como funciona o servizo?
As persoas colexiadas poden solicitar este servizo en calquera momento, mediante o envío da consulta a través de correo electrónico info@traballosocial.gal, indicando os seguintes datos:
Identificación da persoa solicitante (nome, apelidos e número de colexiación)
Descrición do problema ou da situación sobre a que solicita consulta xurídica
Datos de contacto (incluír correo electrónico e teléfono)
Tamén se poden realizar as consultas por vía telefónica, chamando ao teléfono do COTSG: 981 56 81 00, nos días: martes de 9.00 a 15.00 e os xoves de 9.00 a 15.00 e de 16.00 a 18.00.
Prazo de contestación
O servizo de Asesoría Xurídica ofrecerase do xeito máis áxil posible, dependendo do volume de consultas existentes en cada momento, intentando dar resposta no prazo máximo de 10 días hábiles.
No suposto de que a consulta sexa considerada urxente, recomendamos comunicar este feito ao Colexio para acelerar no posible os trámites da contestación.
Exclusións
As consultas xurídicas realizaranse con carácter orientativo e sen que supoña ditame ou posición oficial por parte do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.
O servizo de Asesoría Xurídica non cubre, en caso de requirirse, intervencións profesionais, xestións ou representacións en procedementos administrativos ou xudiciais.