O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) participou, por convite do Concello de Santiago de Compostela, no acto institucional organizado con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, celebrado no Pazo de Raxoi.
En representación do Colexio asistiu a técnica do COTSG Blanca Bretal Enríquez, sumándose a un encontro no que participaron representantes da Corporación Municipal, da Universidade de Santiago de Compostela e alumnado de distintos centros educativos da cidade.
Durante o acto deuse lectura á declaración institucional aprobada por unanimidade polo Pleno municipal, na que se reafirma o compromiso coa prevención e erradicación das violencias machistas e coa mellora dos mecanismos de atención e acompañamento ás vítimas.
Previr, detectar e actuar
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, incidiu durante a súa intervención na importancia de prestar atención aos sinais de control, posesividade e violencia que poden aparecer nas relacións e de reforzar a capacidade da sociedade para detectalos.
A declaración institucional pon precisamente o foco na prevención como unha das principais ferramentas para avanzar fronte á violencia de xénero e destaca o papel das administracións locais como primeira porta de acollida para moitas mulleres.
O texto aposta tamén por consolidar programas estables de prevención dirixidos á mocidade, desenvolver campañas específicas de sensibilización e garantir recursos suficientes e formación especializada e continua para as e os profesionais que interveñen na atención ás vítimas.
Desde o Traballo Social, esta prevención require tamén unha mirada capaz de identificar factores de risco, acompañar ás persoas e familias, activar redes de apoio e coordinar os diferentes sistemas implicados na resposta ás violencias machistas.
A mocidade tamén toma a palabra
O acto contou ademais coa participación de tres alumnas de institutos de Santiago, que deron lectura a textos de rexeitamento ás diferentes manifestacións da violencia machista.
A presenza da mocidade neste tipo de espazos reforza a importancia da educación, da sensibilización e do traballo preventivo desde idades temperás como ferramentas fundamentais para cuestionar os estereotipos e modelos relacionais que sosteñen as desigualdades.
Unha resposta necesariamente colectiva
Tras o acto institucional, as persoas asistentes trasladáronse á Praza do Obradoiro para participar en O canto das Cecilias, unha acción artística promovida pola cineasta chilena Cecilia Barriga que convida ás mulleres a unir as súas voces para romper o silencio, combater a violencia e reivindicar o acompañamento colectivo.
Desde o COTSG consideramos fundamental seguir participando nos espazos institucionais, profesionais e comunitarios que traballan pola eliminación das violencias machistas.
O Traballo Social ten un papel esencial na detección, prevención, acompañamento e coordinación das respostas, especialmente cando as situacións de violencia se cruzan con outras circunstancias de vulnerabilidade social, familiar ou económica.
A participación do Colexio neste acto reafirma o noso compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e cunha intervención profesional baseada na prevención, na coordinación e no acompañamento.

