Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Grupo de Feminismos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) convoca un concurso de imaxes gráficas aberto a toda a colexiación.
A arte é unha ferramenta de expresión, sensibilización, denuncia e transformación social. Por iso queremos que sexan as propias profesionais do Traballo Social quen dean forma visual ao lema da nosa campaña: «Non acompañamos silencios. Defendemos dereitos».
Como profesión, non podemos permanecer alleas ás desigualdades estruturais que sosteñen as violencias machistas, ás respostas institucionais insuficientes, á falta de recursos nin ás situacións de revitimización que atravesan a vida das mulleres. Con este concurso queremos converter ese compromiso en creación colectiva.
Que buscamos?
Propostas creativas que:
- visibilicen as reivindicacións da nosa profesión;
- denuncien os silencios e as insuficiencias institucionais;
- reclamen a creación e mobilización de recursos reais e suficientes;
- poñan en valor o papel do Traballo Social fronte ás violencias machistas.
O formato é libre: cartel, banda deseñada, ilustración, debuxo ou calquera outra expresión artística que represente e transmita o lema da campaña.
Quen pode participar?
Todas as persoas profesionais colexiadas no COTSG, de xeito individual ou colectivo.
Requisitos
- Incluír obrigatoriamente o texto «25 de novembro. Día Internacional contra a Violencia de Xénero».
- Darlle un protagonismo destacado ao lema da campaña.
- Presentar as propostas en lingua galega, coidando a calidade lingüística.
- As creacións deberán ser orixinais e inéditas na súa totalidade.
- Non incluír imaxes de terceiros protexidas por dereitos de autoría, nin elementos ou nomes de marcas comerciais, nin persoas recoñecidas no ámbito público.
Os traballos que non cumpran estes requisitos quedarán excluídos.
Criterios de valoración
- Valorarase preferentemente o traballo artístico, manual ou dixital, realizado sen intelixencia artificial.
- A capacidade de transmitir unha mirada persoal e profesional da mensaxe reivindicativa.
- A claridade e coherencia cos obxectivos de prevención, detección precoz e intervención fronte ás violencias machistas.
- A calidade técnica, a orixinalidade e a creatividade.
Xurado
O xurado estará formado polas persoas integrantes do Grupo de Feminismos do COTSG. Para garantir a imparcialidade, non coñecerá a identidade das persoas participantes, xa que os traballos se enviarán directamente ao Colexio. Os acordos adoptaranse por maioría simple e, en caso de empate, decidirá o voto da coordinadora do grupo.
Premios
Concederanse tres premios aos mellores deseños, consistentes en lotes de merchandising desta e doutras campañas do COTSG.
Os traballos premiados poderán empregarse nas actividades e publicacións vinculadas ao 25N, así como noutros eventos e accións de difusión do Colexio. O COTSG resérvase o dereito de incorporar os logotipos necesarios e de realizar pequenas adaptacións dos deseños, facendo constar sempre a autoría.
Como participar?
Envía a túa proposta gráfica xunto co Anexo I cuberto, por WhatsApp, ao teléfono do COTSG: 604 076 363.
O Anexo I debe recoller:
- nome e apelidos da persoa ou persoas autoras;
- teléfono de contacto;
- enderezo electrónico de contacto;
- breve explicación da imaxe gráfica.
Prazo de presentación: ata o 23 de novembro de 2026.
Cesión de dereitos e protección de datos
A participación implica a cesión dos dereitos de reprodución, difusión e exposición dos traballos premiados para os fins recollidos nestas bases. As persoas participantes poden retirar as propostas que non resulten gañadoras. Sempre que o COTSG empregue algún dos traballos premiados, figurará de maneira visible o nome da persoa ou persoas autoras.
En cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos, a información persoal facilitada empregarase exclusivamente para xestionar as comunicacións relacionadas co certame. As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición comunicándoo directamente ao COTSG.
Este 25N, o Traballo Social non acompaña silencios: defende dereitos. Agardamos a túa proposta!


