A especulación inmobiliaria e o avance dos fondos investidores sobre o mercado residencial están a transformar un dereito fundamental nun ben de mercado inaccesible. Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) reafirmamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos sociais e a xustiza distributiva.
A crise da vivenda non é un fallo individual: é unha problemática estrutural que require unha resposta pública e un posicionamento firme.
Os Retos do Traballo Social ante a Emerxencia Habitacional
- O Traballo Social non pode limitar a súa función a xestionar a vulnerabilidade ou a amortecer o impacto dos desfiuzamentos. A nosa profesión ten o mandato ético de denunciar as causas estruturais da desigualdade e esixir lexislacións que protexan a poboación fronte á lóxica do beneficio financeiro.
- A falta de acceso a un fogar estable xera dinamismos de exclusión severa, afectando de xeito directo á saúde mental, á infancia e á autonomía das persoas maiores. A precarización habitacional desestrutura as redes de apoio e os proxectos de vida.
- As profesionais do Traballo Social enfrontámonos diariamente ao esgotamento das ferramentas públicas. Sen un parque de vivenda protexida real nin medidas eficazmente reguladoras, a intervención social queda reducida a unha xestión da emerxencia permanente.
Reivindicacións do COTSG:
- Garantía do dereito ao fogar: A vivenda debe ser tratada como un alicerce do benestar, ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación.
- Control da especulación: Regulamentos efectivos que impidan que o capital financeiro e os fondos de investimento condicionen o acceso á vivenda.
- Reforzo das políticas públicas: Creación urxente de parque público de vivenda en alugueiro social e alternativas habitacionais inmediatas ante calquera vulnerabilidade.
Sen vivenda digna non hai xustiza social nin desenvolvemento comunitario posible.
Podes descargar o pdf completo por si queres compartir https://traballosocial.gal/wp-content/uploads/2026/09/plantillas-instagram-7.pdf

