COTSG participa no Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero
Data: Setembro 23, 2026

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia participou na reunión do Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero celebrada o 22 de setembro, representado polo seu coordinador, David Gontán.

O Observatorio é o órgano colexiado encargado do estudo, da avaliación e do seguimento das políticas públicas contra a violencia de xénero desenvolvidas en Galicia. A presenza do COTSG neste espazo permite incorporar a perspectiva do Traballo Social ao coñecemento dos recursos, protocolos e medidas de atención dirixidas ás vítimas.

Durante a sesión aprobouse a acta da reunión anterior e presentouse a nova Guía de recursos fronte á violencia de xénero en Galicia. Este documento reúne nunha única ferramenta información sobre os servizos, programas, prestacións e entidades que integran a rede galega de apoio ás vítimas, co obxectivo de facilitar tanto o acceso aos recursos como o labor das e dos profesionais.

Tamén se informou sobre os seguintes avances e actuacións previstas:

  • A publicación, antes de que remate o ano, dunha guía específica para a atención ás mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero.
  • A aprobación dun protocolo para a primeira intervención das policías locais de Galicia ante situacións de violencia de xénero.
  • O desenvolvemento, no marco da futura normativa galega sobre acoso e violencia dixital, de mecanismos que faciliten ás vítimas a eliminación de contidos dixitais.
  • A evolución dos Centros de Información á Muller móbiles, postos en marcha para achegar os recursos de prevención, información e atención ao ámbito rural e aos campus universitarios.
  • A apertura prevista para o primeiro trimestre de 2027 dun centro específico para mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adicción. O recurso, impulsado mediante un convenio con Proxecto Home, contará con 17 prazas e permitirá tamén a acollida dos seus fillos e fillas.
  • A asignación a Galicia de dous millóns de euros procedentes de fondos estatais para as prestacións económicas previstas na Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual. Estas axudas poderán abarcar períodos de entre seis e vinte e catro meses, aboarse nun pagamento único e compatibilizarse con outras prestacións.
  • A situación do sistema VioGén, sobre o que a Delegación do Goberno informou de que Galicia continúa sendo a comunidade autónoma con maior número de concellos adheridos.

A participación do Colexio neste órgano contribúe a reforzar a presenza do Traballo Social nos espazos institucionais de análise, seguimento e coordinación das políticas fronte á violencia de xénero.

Máis información:

Consultar a Guía de recursos fronte á violencia de xénero en Galicia

Consultar a información da Xunta sobre a sesión do Observatorio