Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) observamos con fonda preocupación o tratamento que se lle está a dar á realidade humanitaria en Ceuta. Máis alá dos acontecementos puntuais, esta situación obríganos a reflexionar sobre a deriva dunha sociedade que permite que os discursos de odio, a criminalización e a falta de empatía ocupen o espazo público e se dirixan contra as persoas máis vulnerables.
Temos o deber ético de pronunciarnos. Non é posible gardar silencio mentres se ataca a dignidade humana e se pon en cuestión a defensa dos Dereitos Humanos.
Facemos un chamamento directo á responsabilidade social dos medios de comunicación, pero tamén de quen crea contido e constrúe relato no ámbito dixital. O xeito de contar as noticias e as historias ten consecuencias directas na convivencia. Recorrer ao sensacionalismo, á procura de audiencia rápida ou á polarización alimentando o rexeitamento cara ao diferente é unha irresponsabilidade que fura a cohesión social e alimenta un contorno máis inxusto e hostil.
Diante desta realidade, queremos recoñecer o traballo fundamental que desenvolven as traballadoras e traballadores sociais, xunto co resto de profesionais da intervención social. Profesionais que están hoxe, coma sempre, na primeira liña, asumindo en moitos casos unha gravosa sobrecarga laboral e unha histórica falta de recursos. Co seu criterio técnico e o seu compromiso coa xustiza social, son quen sostén a atención á infancia, ás familias e ás persoas que atravesan situacións de maior vulnerabilidade.
Construír un futuro asentado no rexeitamento a quen menos ten é un fracaso colectivo que non nos podemos permitir. Dende o COTSG reafirmamos a nosa postura na defensa irrenunciable da profesión, no respecto á dignidade de todas as persoas e no traballo diario por unha sociedade máis xusta e acolledora.
Colexio Oficial de Traballlo Social de Galicia.

