A Xunta anuncia 25 novos centros residenciais e máis de 1.800 prazas para persoas maiores
Data: Setembro 18, 2026

O Consello da Xunta aprobou un novo proxecto para ampliar a rede de atención residencial ás persoas maiores en Galicia, coa creación de 25 novos centros e máis de 1.800 novas prazas. Segundo informou a Xunta de Galicia, a iniciativa inclúe 24 novos equipamentos distribuídos en 12 lotes, aos que se suma o centro residencial comprometido en Ribeira, con máis de 100 prazas.Os 24 novos centros estarán situados en concellos de menos de 25.000 habitantes que actualmente non dispoñen de prazas residenciais públicas para persoas dependentes de grao II e III. Cada lote estará formado por unha residencia de máis de 100 prazas e outro equipamento de menor tamaño, denominado centro “satélite”, situado nun concello próximo.

Distribución territorial

A proposta contempla oito novos centros na provincia da Coruña, nove se se contabiliza o de Ribeira, sete na de Pontevedra, cinco na de Ourense e catro na de Lugo.

Entre os concellos seleccionados atópanse O Porto do Son, Outes, Mañón, Cariño, Carnota, Cabana de Bergantiños, Oza-Cesuras e Carral, na provincia da Coruña.

Na provincia de Pontevedra, os equipamentos localizaríanse en O Porriño e Baiona, Sanxenxo e Cambados, Marín e Moraña, e Arbo, xunto co centro satélite de Padrenda, pertencente á provincia de Ourense.

En Ourense, a proposta contempla centros en Ribadavia, Castrelo de Miño, San Cibrao das Viñas, Toén e Padrenda. Na provincia de Lugo, os concellos seleccionados son O Corgo, O Páramo, O Saviñao e Folgoso do Courel.

Un mínimo do 60 % das prazas serán de titularidade pública autonómica

O proxecto desenvolverase mediante unha fórmula de colaboración público-privada. A Xunta sinala que, como mínimo, o 60 % das novas prazas serán de titularidade pública autonómica.

O Goberno galego estima, ademais, que a iniciativa permitirá a creación de arredor dun milleiro de postos de traballo no sector sociosanitario.

Para facer posible o desenvolvemento dos novos equipamentos será necesaria a colaboración dos concellos, que deberán poñer á disposición os terreos necesarios. Segundo a información facilitada pola Xunta, os concellos seleccionados dispoñen dun prazo dun mes para adherirse ao proxecto e dun prazo dun ano para facer efectiva a posta á disposición dunha parcela que cumpra os requisitos establecidos..

Fonte: Xunta de Galicia, Consellería de Política Social e Igualdade.
Información publicada o 14 de setembro de 2026.