O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) formalizou un novo acordo de colaboración co Instituto Español de Trabajo Social Clínico (IETSC), unha iniciativa coa que seguimos ampliando os recursos, oportunidades de formación e servizos de apoio profesional postos a disposición da colexiatura.
O acordo nace coa vontade de favorecer o desenvolvemento profesional, a formación continua e a especialización no ámbito do Traballo Social Clínico, incorporando novas vantaxes para as persoas colexiadas.
Que ofrece este novo acordo?
A través desta colaboración, as persoas colexiadas no COTSG poderán acceder a:
- 10 % de desconto sobre o prezo ordinario do Diploma de Especialista en Trabajo Social Clínico (30 ECTS) e do Máster en Trabajo Social Clínico (60 ECTS). Para beneficiarse desta vantaxe será necesario acreditar a condición de persoa colexiada.
- Dous webinars formativos ao ano, de aproximadamente dúas horas de duración cada un, en modalidade online e sen custo para as persoas colexiadas.
- Un servizo de consultoría especializada en Traballo Social Clínico, que permitirá trasladar consultas profesionais concretas ao IETSC a través dun formulario específico. O servizo contempla entre 10 e 15 consultas anuais, con resposta por escrito e posibilidade de realizar unha chamada aclaratoria cando resulte necesario.
Esta colaboración supón un novo paso na liña de traballo do COTSG para seguir creando alianzas e incorporando servizos que dean resposta ás necesidades reais das profesionais, facilitando o acceso a formación especializada, coñecemento actualizado e recursos de apoio para o exercicio do Traballo Social.
O acordo, asinado o 13 de agosto de 2026, terá unha vixencia inicial de dous anos, coa posibilidade de prórroga previo acordo entre ambas as entidades.
Consulta aquí o acordo de colaboración completo
Máis información sobre o Instituto Español de Trabajo Social Clínico
Desde o COTSG continuamos traballando para ampliar as oportunidades e servizos á disposición da colexiatura e fortalecer o desenvolvemento da profesión en Galicia.

