O pasado 31 de xullo, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela aprobou a desadscrición da Escola Universitaria de Traballo Social e o correspondente convenio coa Fundación Santiago Apóstol.
Esta decisión constitúe o paso previo necesario para que, no curso 2027-2028, o Grao en Traballo Social pase a ser unha titulación oficial propia da USC. A integración permitirá garantir a continuidade destes estudos, reforzar a calidade da formación e facilitar que o seu alumnado se beneficie dos mesmos dereitos que o resto do estudantado da Universidade.
Neste proceso cómpre tamén recoñecer o papel do estudantado, especialmente do grupo de Matrícula 0, formado por estudantes da propia USC que traballaron activamente para impulsar esta demanda e visibilizar a importancia da integración. A súa implicación quedou tamén reflectida na imaxe difundida en Instagram, símbolo do compromiso colectivo coa mellora dos estudos de Traballo Social.
O proceso aínda non é definitivo: deberá contar primeiro co informe favorable do Consello Social da USC e, posteriormente, coa aprobación da Xunta de Galicia.
Un avance moi relevante para o futuro da formación universitaria en Traballo Social en Galicia, froito tamén do esforzo e da mobilización do estudantado.

