Do acordo á práctica: xa se pode consultar o protocolo fronte á violencia laboral externa no SAF
Data: Xullo 22, 2026

O documento establece medidas para anticipar os riscos, actuar ante situacións de violencia e protexer tanto o persoal auxiliar como o de coordinación do Servizo de Axuda no Fogar.

Xa está dispoñible o texto íntegro do Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), asinado o pasado 14 de xullo na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

A súa publicación permite avanzar do acordo institucional á implantación efectiva dun marco común de prevención, actuación e seguimento ante as situacións de violencia que poden producirse nos domicilios, nos desprazamentos, nas comunicacións e noutras actividades relacionadas co traballo.

Unha participación impulsada polo COTSG

A incorporación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia ao proceso partiu dunha iniciativa do propio Colexio. O 4 de agosto de 2025, o COTSG remitiu á FEGAMP e á Consellería de Política Social e Igualdade unha proposta formal de colaboración, na que manifestaba o seu interese en participar activamente na elaboración do protocolo e poñía á súa disposición a experiencia das traballadoras sociais coordinadoras do SAF.

O Colexio propuxo constituír un grupo de profesionais expertas que puidese achegar coñecemento técnico e propostas concretas desde unha perspectiva profesional, social e ética. Esta iniciativa materializouse posteriormente na participación activa do COTSG na mesa de traballo liderada pola FEGAMP.

O protocolo foi elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) a partir das achegas das administracións públicas, das organizacións sindicais, das entidades empresariais e do COTSG.

A contribución do Colexio contou co coñecemento e coa experiencia das profesionais do seu Grupo de Traballo de Servizo de Axuda no Fogar, que trasladaron as necesidades, situacións e riscos identificados no exercicio diario do servizo, tanto para o persoal auxiliar como para o persoal de coordinación.

↗️ Oferta de colaboración á FEGAMP para a elaboración de protocolo no SAF

Que incorpora o protocolo?

Entre as principais medidas recollidas figuran:

  • A avaliación dos riscos antes do inicio do servizo e a súa revisión periódica.
  • A identificación de factores relacionados coa persoa usuaria, a contorna convivencial, a vivenda ou a presenza de animais.
  • A formación específica e continuada do persoal auxiliar e de coordinación.
  • A dotación de teléfonos operativos, sistemas de alarma e procedementos claros de comunicación.
  • A activación dos recursos de emerxencia e o aviso ao 112 cando sexa necesario.
  • A posibilidade de interromper a actividade e abandonar o domicilio ante un risco grave e inminente.
  • O rexistro das incidencias, a revisión das medidas preventivas e o apoio sanitario, psicolóxico e xurídico ás persoas afectadas.

O documento recoñece expresamente como persoal do SAF tanto as auxiliares de axuda no fogar como as profesionais da coordinación, que interveñen na valoración inicial, na detección dos riscos, no seguimento dos domicilios e na xestión das situacións de especial complexidade.

Da publicación á aplicación efectiva

Xunto ao protocolo, as entidades asinantes subscribiron un documento de compromisos e propostas de modificación normativa para facilitar a súa aplicación real.

Entre as propostas inclúense o reforzo do financiamento, a creación dun Observatorio Autonómico do SAF, a recuperación do Informe Social na solicitude de dependencia, a incorporación dun apartado específico na Historia Social Única Electrónica e a creación dunha liña autonómica de asesoramento e apoio ás vítimas de violencia.

A publicación destes documentos supón un avance necesario, pero a súa efectividade dependerá agora da súa implantación, avaliación e dotación de recursos.

Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia continuaremos colaborando coas institucións e entidades implicadas para reforzar a seguridade das profesionais, recoñecer o papel da coordinación e contribuír á consolidación dun SAF seguro, digno e de calidade.

Consulta e documentación:

📄 Descargar o Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no SAF (versión asinada)

📄 Consultar o documento de compromisos e propostas de modificación normativa

🔗 Acceder á información e á versión técnica publicada polo ISSGA

🔗 Acceder á publicación da FEGAMP