Convocatoria da manifestación “Por un Servizo de Axuda no Fogar público e digno”
Difundimos, a título informativo, a convocatoria da manifestación “Por un Servizo de Axuda no Fogar público e digno”, que terá lugar o vindeiro 11 de xullo, ás 11:00 h, en Santiago de Compostela.
O Servizo de Axuda no Fogar é unha prestación esencial en Galicia, especialmente nun contexto marcado polo envellecemento da poboación, o aumento das situacións de dependencia e a necesidade de garantir apoios próximos, continuados e de calidade no domicilio.
A atención domiciliaria sostense grazas ao traballo diario de moitas profesionais. Entre elas, as auxiliares de axuda no fogar, que realizan unha intervención directa e imprescindible nos domicilios, e tamén as traballadoras sociais que forman parte do persoal do SAF, asumindo tarefas de valoración, seguimento, organización, acompañamento e coordinación.
Este movemento, que se está a xerar a nivel estatal, naceu da iniciativa das propias auxiliares de Axuda no Fogar, co obxectivo de visibilizar a realidade do servizo e reclamar unhas condicións dignas tanto para as persoas usuarias como para as profesionais que o fan posible.
En Galicia, a primeira concentración tivo lugar o pasado 30 de maio de 2026 en Santiago de Compostela, abrindo un camiño de reivindicación colectiva arredor dun servizo fundamental para o sostemento dos coidados no territorio.
Falar dun SAF público e digno é falar da calidade da atención ás persoas usuarias, pero tamén do recoñecemento e do bo trato ás profesionais que fan posible esta prestación cada día. Coidar os servizos implica tamén coidar a quen os sostén.
Desde esta convocatoria faise un chamamento á participación da cidadanía, das profesionais, das entidades e de todas aquelas persoas que queiran acompañar esta reivindicación por un modelo de coidados máis xusto, público e digno.
📍 Percorrido: desde a Alameda ata a Praza Roxa
📅 Data: 11 de xullo
🕚 Hora: 11:00 h
📌 Lugar: Santiago de Compostela


