Requirimentos de ISUS en dependencia: a importancia de garantir tempos e criterios adecuados
Data: Xuño 22, 2026

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia dirixiuse á Consellería de Política Social e Igualdade para trasladar a súa preocupación polo elevado volume de requirimentos de Informes Sociais Unificados —ISUS— que están a recibir os Servizos Sociais Comunitarios nas últimas semanas, vinculados á tramitación de expedientes de recoñecemento da situación de dependencia.

A situación está a xerar importantes disfuncións organizativas, un incremento significativo da carga de traballo e unha crecente preocupación entre as profesionais dos Servizos Sociais Comunitarios, especialmente polo impacto que pode ter na calidade da atención ás persoas usuarias.

O escrito presentado polo COTSG sitúa esta problemática no contexto das modificacións introducidas pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que modificou a Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia e eliminou o Informe Social como documento preceptivo para o inicio do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia.

Desde o Colexio xa se viña advertindo das consecuencias desta reforma, ao entender que a supresión de trámites esenciais pode afectar á adecuada prestación do servizo, á calidade da intervención profesional e aos dereitos das persoas en situación de especial vulnerabilidade.

A principal preocupación trasladada á Consellería ten que ver co carácter masivo dos requirimentos e coa fixación de prazos de resposta extraordinariamente reducidos. En concreto, o prazo de dez días outorgado resulta, na práctica, insuficiente para desenvolver unha intervención social con garantías, que require tempo para a realización de visitas domiciliarias, a recollida rigorosa de información e a elaboración dos Informes Sociais Unificados conforme a criterios técnicos adecuados.

O COTSG tamén sinala que a tramitación destes requirimentos como emendas iniciais pode trasladar á cidadanía unha responsabilidade formal difícil de asumir, baixo o risco de arquivo do expediente en caso de incumprimento. Esta circunstancia resulta especialmente delicada cando se trata de persoas en situación de dependencia ou de especial vulnerabilidade.

A situación descrita pode provocar un risco certo de colapso nos Servizos Sociais Comunitarios, que xa soportan unha elevada carga estrutural de traballo. Este risco increméntase nos concellos ou servizos nos que existe unha única profesional de referencia, o que limita de maneira evidente a capacidade de resposta ante un incremento repentino de requirimentos documentais urxentes.

Ante este escenario, o COTSG solicita á Consellería que avalíe a situación e valore a emisión de instrucións claras, uniformes e coherentes para o conxunto das Delegacións Provinciais, co obxectivo de evitar criterios dispares e garantir unha aplicación ordenada da normativa vixente.

Así mesmo, o Colexio pide a apertura dun espazo de traballo que permita deseñar procedementos garantistas, respectuosos cos dereitos das persoas usuarias e co ámbito competencial das profesionais que interveñen nos expedientes de dependencia.

Esta actuación pon de manifesto a importancia de contar con estruturas profesionais capaces de detectar, analizar e trasladar ás administracións aquelas situacións que afectan directamente á práctica diaria dos Servizos Sociais. A defensa do rigor técnico non é unha cuestión interna da profesión: é unha garantía para a cidadanía.

A intervención social require tempo, método e coñecemento do contexto das persoas. Por iso, cando os procedementos administrativos se afastan da realidade dos servizos, cómpre abrir espazos de revisión que permitan protexer a calidade da atención, os dereitos das persoas usuarias e o exercicio responsable do Traballo Social.