Durante a Asemblea do Consello Xeral do Traballo Social, celebrada en Alcala de Henares o sábado 28 aprobouse a proposta do novo texto do Código Deontolóxico da nosa profesión. A redacción proposta recolle elementos necesarios para entender o Traballo Social tendo en conta os retos da sociedade actual, tales como a protección da confidencialidade, o compromiso coa xustiza climática e ecolóxica, o recoñecemento da importancia do autocoidado ou o uso de novas tecnoloxías, incluída a intelixencia artificial.
A Comisión Deontolóxica do Consello Xeral coordinou a elaboración deste documento fundamental para o Traballo Social, que integrou aportacións de distintos espazos de participación profesional e as contribucións recibidas por parte de profesionais durante o período de audiencia e información pública. De xeito especial queremos agradecer a participación das compañeiras e compañeiros de Galicia. En primeiro lugar á Comisión Deontolóxica do COTSG, a Luz Campello e a Francisco Aguiar que participaron no grupo asesor de profesionais expertas, e a Ana Vilar como vicepresidenta do Consello Xeral.
O resultado final de este proceso, obtivo o respaldo da Asemblea do Consello Xeral, e comeza outra fase do proceso previo a súa aprobación definitiva. Agora esta proposta será remitida á Comisión Nacional da Competencia, que é o órgano encargado de realizar o test de proporcionalidade. Este test regulado no Rd 472/2021, do 29 de xuño que incorpora unha directiva europea relativa ao test de proporcionalidade antes de adoptar novas regulacións profesionais, ten como propósito asegurar que as disposicións que restrinxan o exercicio das profesións reguladas teñan unha xustificación baseada no interese público.
O texto que resulte das posibles modificacións do test de proporcionalidade deberá ser ratificado de novo pola Asemblea do Consello Xeral. Este proceso é novo polo que non existe unha previsión sobre a duración do mesmo.

