🖐️ TRABALLO SOCIAL CONTRA O RACISMO ✊🏽
Data: Setembro 22, 2025

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia expresa o seu firme rexeitamento e condena os actos racistas e violentos acontecidos contra o centro de atención a menores migrantes en Monforte, onde se lanzaron cócteles Molotov que provocaron un incendio no comedor e importantes danos materiais.

O Traballo Social ten como esencia a defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia, sen discriminación de orixe, etnia ou condición migratoria. A violencia e o discurso do odio son incompatíbeis cos valores de solidariedade, inclusión e respecto á dignidade humana, e non deben ter cabida en ningunha esfera da vida social ou política.

A protección das infancias migrantes —como de todas as infancias— é unha responsabilidade compartida das Administracións e da sociedade. Cómpre reforzar a prevención e garantir que os protocolos, recursos e mecanismos legais funcionen de maneira eficaz para evitar agresións e preservar a integridade física e emocional de nenas e nenos.

Exiximos:

Investigación inmediata dos feitos, identificación dos responsables materiais e ideolóxicos e sanción conforme á lexislación vixente.
Reforzo das medidas de protección e seguridade en todos os centros de acollida de persoas migrantes, en especial daqueles que atenden a infancia e adolescencia.
Responsabilidade nos discursos políticos e públicos, evitando calquera forma de estigmatización ou criminalización que poida alimentar o odio.
Promoción da educación en valores de tolerancia, diversidade, equidade e dereitos humanos desde a familia, a escola, os medios de comunicación e as institucións públicas.
Recursos humanos e económicos suficientes, con ratios e perfís profesionais axeitados para a atención das infancias, fortalecendo os servizos públicos e evitando a súa privatización ou xestión inadecuada.

Facemos un chamamento á sociedade galega para establecer un compromiso firme en defensa da convivencia, da xustiza social e da dignidade de todas as persoas. Só desde o respecto mutuo e a solidariedade será posíbel construír unha Galicia máis xusta, inclusiva e humana.