A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) vén de adoptar o acordo para crear unha Comisión Colexial sobre os requirimentos de informes sociais por parte dos diferentes xulgados. A creación desta comisión responde á problemática xurdida nos últimos meses en relación ás peticións de informes sociais por parte dos xulgados aos Servizos Sociais Comunitarios, con base nas diferentes modificacións lexislativas aprobadas recentemente en materia de vivenda e de apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.
A función da Comisión Colexial será estudar e analizar a normativa existente na actualidade que afecta á petición de informes por parte dos xulgados aos Servizos Sociais Comunitarios, realizar modelos estandarizados para o seu uso por toda a colexiación e presentar as propostas que considere oportunas á Xunta de Goberno para que esta poda remitirllas ás Administración ou organismos competentes.
Esta comisión estará integrada por dez persoas colexiadas, sendo unha delas integrante da Xunta de Goberno e a cargo da presidencia de dita comisión. As persoas interesadas en formar parte da comisión poden presentarse ata o 15 de xaneiro ás 14.00 horas. As solicitudes enviaranse asinadas por correo electrónico a grupodetraballo@traballosocial.gal. Será requisito imprescindible estar colexiada/o no COTSG.