O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) organiza a mesa de debate “Violencias Machistas: unha ollada a diferentes contextos dende a interseccionalidade” este venres 24 de novembro. A cita, coa que o COTSG reivindica o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, será de 17.00 a 19.00 na sede do colexio, (rúa Dublín, 6, Santiago de Compostela). O evento poderá seguirse tamén en formato online.
A mesa contará coas intervencións de:
- Sandra Lorenzo: Graduada en Traballo Social. Activista feminista e ecoloxista. “Paixón pola terra e as persoas que habitan nela. A incomodidade me impulsa a loitar por mudar este sistema”, sinala.
- Andrea Oyagüe: Educadora Social e Técnica en Promoción de Igualdade de Xénero. A súa experiencia profesional xira ao redor das violencias machistas e a súa prevención en distintos contextos. Considera a perspectiva interseccional e a ruptura de xerarquías e instrumentalizacións a clave para o cambio social.
- Luanna Extremera: Traballadora Social e Técnica en Cooperación ao Desenvolvemento con África Subsahariana. Avoga porque se rexoñeza a condición de persoa refuxiada por motivos climáticos. Cre na comunidade como rede sustentadora de coidados e fonte de transformación. Defende a arte como ferramenta de visibilización, divulgación e motor de cambio social.
- Solangeles Ortiz: activista Feminista do Abya Yala, con estudos en Ciencias Políticas e experiencia traballando con organización de mulleres, colectivas feministas e organizacións LBTIN en Bolivia realizando acompañamento a proxectos colectivos.
As inscricións, gratuítas, poden realizarse neste formulario.