O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia solicita á Valedora do Pobo que inste á Dirección Xeral de Función Pública á que proceda, “coa máxima transparencia e celeridade posible”, á resolución definitiva do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da escala de Técnicos Facultativos de Servizos Sociais, especialidade Traballo Social.
Nunha carta de queixa dirixida á Valedora do Pobo, María Dolores Fernandez Galiño, e asinada por Miriam Rodríguez Sierra, presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o COTSG lembra que “o obxecto do proceso selectivo era cubrir 81 prazas correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2019, ás que se acumulaban as da oferta dos anos 2017 e 2018”.
A día de hoxe, case catro anos máis tarde, o proceso selectivo non foi resolto, sen que existan previsións de que a súa finalización sexa proximamente e sen que tampouco a Administración ofreza ningún tipo de información ou aclaración ao respecto.
“Como consecuencia desta demora extraordinaria e inxustificada na resolución do procedemento, son constantes as reclamacións e queixas que por parte das persoas interesadas no mesmo están a chegar a este Colexio profesional, en virtude do cal solicitamos á Dirección Xeral de Función Pública en escrito de data 6 de outubro de 2022, que coa maior celeridade posible se procedese á resolución definitiva do proceso selectivo, sen que obtiveramos resposta algunha pola súa parte”, explica o colexio na carta.
Esta demora na resolución do procedemento selectivo está a causar importantes inconvenientes ás persoas interesadas, “que están vendo gravemente afectados dereitos de alcance constitucional”.
O COTSG engade que “a existencia de prazas de traballadores e traballadoras sociais sen cubrir ou cubertas mediante contratacións temporais irregulares, produce un menoscabo innegable na calidade dos servizos prestados por esta Administración (Xunta de Galicia), o que supón un detrimento considerable dos dereitos e intereses das persoas usuarias, así como tamén da poboación”.