O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) acaba de presentar unha serie de aportacións ao anteproxecto da Orde da Xunta de Galicia para regular a figura de coordinación de Benestar e Convivencia nos centros educativos. O COTSG reclama que a figura sexa asumida por profesionais do ámbito social e non polos docentes, como pretende a Xunta.
O Traballo Social galego argumenta nas súas aportacións que o persoal docente “non conta con formación específica no ámbito social para resolver conflitos de convivencia como situacións de acoso escolar, actuar ante indicios de abuso sexual ou protexer ante o maltrato infantil”.
A figura de coordinación de Benestar estableceuna a Lei de protección á infancia e á adolescencia fronte á violencia para garantir o bo funcionamento de protocolos de detección de violencia nos centros educativos. A Xunta ten que adaptar agora esta figura ao sistema educativo galego.
“Malia que a Lei permitiría incorporar novo persoal, o Goberno galego decidiu que o posto sexa asumido polos propios docentes dos centros con dúas horas semanais de dedicación”, critican dende o COTSG.
As funcións do ámbito social asignadas a esta figura
O colexio profesional galego enumera nas súas aportacións ao anteproxecto da Xunta as funcións asignadas pola Lei a esta figura, “como accións de sensibilización e protección ante o maltrato infantil, a coordinación con outras administracións ou a supervisión dos protocolos fronte a indicios de abuso e maltrato, acoso escolar, violencia de xénero, entre outras formas de violencia”.
“É imposible que un docente sen formación no ámbito social exerza estas funcións en 2 horas semanais como pretende a Xunta”, recalca o COTSG nas súas aportacións.
Unha oportunidade perdida para solucionar conflitos
“A figura do coordinador de Benestar e Convivencia é unha oportunidade para solucionar conflitos nas escolas, como a discriminación ou o maltrato. Pero é unha figura que non poder ser asumida polos docentes. Como é lóxico, os docentes son profesionais formados nas súas ramas de especializade, pero non no ámbito social”, insisten dende o COTSG.
Contar con profesionais do Traballo Social nas escolas permitiría situar ao neno ou nena no centro das atención dos sistemas de protección social coordinados. Esta situación supón a perda dunha oportunidade única para facer unha verdadeira atención social integral sobre a infancia e a adolescencia. “A intención da Xunta só creará unha sobrecarga do profesorado e nun menoscabo das atencións do alumnado, familias e comunidade educativa”, conclúen.