Escrito a Consellería de Cultura, Educación e Universidade arredor do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil
Data: Xullo 17, 2024

O COTSG envía un escrito á Consellería de Cultura, Educación e Universidade trala presentación do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil manifestando a súa vontade de colaboración e lembrando que o traballo social é unha figura de referencia tanto nas unidades de saúde mental como nos Equipos de Orientación Específicos.

Neste documento constan:

  • Os factores sociais desfavorables que repercuten negativamente nos menores son susceptibles de ser abordados desde os Servizos Sociais, xa que logo a orientación e colaboración con outros servizos e institucións nas intervencións que requiran derivación, intervención conxunta e/ou coordinación cos servizos públicos existentes resultan fundamentais  para dar respostas globais e integrais ás necesidades do alumnado.
  • A avaliación dos factores de risco e protección é unha fase primordial na prevención primaria das conductas autolíticas. A coordinación do profesorado e do departamento de orientación do centro coas familias e cos profesionais de traballo social é básica posto que a contorna educativa é un espazo privilexiado para a prevención das diferentes condutas de risco. Neste sentido, as/os traballadoras/es sociais son profesionais con formación para abordar esta temática, tanto para intervir en accións preventivas (detectando advertencias, factores de risco e áreas de vulnerabilidade, recoñecemento de signos externos que poideran derivar nunha morte por suicidio) coma na intervención post-suicidio, xa que son expertos/as en modelos de intervención en crise e técnicas de apoio en dó. A coordinación pode chegar a converterse nun mecanismo de prevención, cando no ámbito educativo tanto no ensino primario como no secundario, de existir evidencias de que un/unha menor se atopa en risco de suicidio, se transmitise esta información aos servizos sociais e/ou sanitarios correspondentes, poderíase comezar a levar a cabo unha intervención conxunta. Deste xeito, o  acompañamento profesional por parte das e dos profesionais de traballo social así coma unha  maior coordinación entre os servizos educativos, sociais e sanitarios contribuiría a aliviar a sobrecarga do profesorado e a incrementar o benestar do alumnado. Non hai que esquecer que a figura das/os traballadores sociais fortalece o vínculo entre as familias e a escola, colaborando no proceso de inclusión do alumnado e atendendo a aspectos socio-familiares e adaptativos que inciden no seu desenvolvemento educativo.
  • O Protocolo establece, entre as actuacións globais de prevención, a de concretar xunto coa Rede de Formación Permanente do Profesorado, a formación a levar a cabo tanto cos profesionais educativos como coas familias. O valor engadido do traballo social neste punto, radica en que pode contribuir na formación  en prevención e detección do risco de suicidio infanto-xuvenil, identificando situacións de vulnerabilidade, factores de risco e protección, na detección de conductas e procesos suicidas, na derivación a las instituciones pertinentes así como estratexias, accións ou recursos ou situacións post-traumáticas (manexo do dó).

 

Acceso ao documento completo do protocolo