A Síndrome de desgaste profesional, é ben coñecido polo colectivo profesional do Traballo Social. No COTSG rexistramos unha demandan constante por parte das profesionais, ademais de observar que existe unha alta porcentaxe de baixas laborais por cadros de estrés e outras doenzas derivadas del, porque simplemente non aguantan máis.
Esta Síndrome débese a:
- Aumento da demanda de atención da poboación con desaxustes persoais e convivenciais, relacionais, todos eles froito das diferentes crisis que transitamos nos últimos anos.
- Redución de recursos económicos e técnicos impostos polas diferentes administracións.
- As organizacións de eses recursos, fundamentalmente técnicos, por parte das administracións e entidades, buscan a rentabilidade económica e política con estruturas cada vez máis ríxidas e agresivas que nada teñen que ver cun trato humano cara as persoas que acoden a Servizos Sociais nin cara aos e ás profesionais do Traballo Social.
- Aumento da presión asistencial sobre a ou o profesional de referencia, fundamentalmente dos traballadores/as sociais dos servizos sociais comunitarios e administracións públicas.
- Sistema de servizos sociais orientado a xestión prestacional, fronte a interacción, promoción e protección das persoas, grupos e comunidades.
- Abordaxe insuficiente da atención social, que correspondería a outros sistemas de protección.
Para previr ou paliar o desgaste é importante comezar a centrar a atención na saúde do/a profesional e ir definindo límites e marcando pautas sobre a nosa práctica persoal e profesional. En escenarios de incerteza coma o actual, é necesario achegar aos/as profesionais a maior seguridade e control sobre o seu desempeño laboral e o seu estado emocional, é por iso que o COTSG solicita as administracións públicas que se proceda a adoptar todas as medidas pertinentes que permitan garantir a prestación duns Servizo Públicos de Calidade mediante unha labor de control do cumprimento dos ratios legais do persoal técnico e da seguridade laboral e emocional das e dos profesionais dos Servizos Sociais reducindo así o esgotamento e a aparición da Síndrome de Burnout.