Audiencia na Consellería de Política Social e Igualdade 
Data: Decembro 11, 2025

A Presidenta, Miriam Rodríguez, e o coordinador,  David Gontán, en representación do COTSG mantiveron unha xuntanza con Fabiola García,  Conselleira de Política Social e Igualdade, Francisca García, Secretaria Xeral Técnica da Consellería, e Jacobo Rey, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, para transmitir a preocupación da profesión sobre a situación actual do Sistema Público de Servizos Sociais. No transcurso de esta reunión trasladáronselles medidas específicas en diferentes ámbitos como, entre outras:

  • A necesidade de cambio urxente no modelo de atención en Servizos Sociais e a planificación dunha estratexia integrada.
  • O Sistema de Protección de Menores precisa melloras urxentes con reforzo de profesionais nas equipas e creación de recursos, especificando medidas por territorios.
  • Revisión do Sistema Galego de Atención á Dependencia, facendo fincapé no fracaso do actual plan de choque, solicitando maior investimento e melloras na xestión e devolvendo a obrigatoriedade do informe social na solicitude.
  • O estado de alarma no que se encontra o Servizo de Axuda no Fogar, cunha ratio inasumible e escaseza de recursos; propúxose reforzo profesional, mellora da calidade coa creación dun Observatorio Galego de modelo de coidados.
  • Necesidade urxente de desenvolvemento da rede sociosanitaria en Galicia.
  • Descentralizar recursos e asegurar a igualdade de acceso en todo Galicia e garantir a atención social coa dotación de prazas de Traballo social nos CIM.
  • Os Servizos Sociais Comunitarios están necesitados de máis persoal, estabilidade e planificación.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia mostra o seu interese en recuperar os espazos de coordinación e participación profesional nos órganos de participación, como o Consello Galego de Benestar Social e a mesa de coordinación de Dependencia, imprescindibles para a planificación de políticas sociais efectivas na nosa comunidade autónoma.