Nestes días, tras o tráxico feminicidio dunha profesional da axuda no fogar no Porriño, diversos medios de comunicación informaron erradamente que a muller falecida era “traballadora social”. Este tipo de confusión, desafortunadamente habitual, merece unha reflexión.
As auxiliares de axuda no fogar son profesionais que prestan apoio esencial a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, normalmente nos seus propios domicilios. Realizan tarefas que inclúen a hixiene persoal, apoio na alimentación, acompañamento e coidado emocional, entre outras. O seu labor é insubstituíble e imprescindible para garantir unha vida digna a moitas persoas.
Pola súa banda, as traballadoras sociais son profesionais tituladas universitarias que interveñen no deseño, xestión e avaliación de políticas sociais, fan diagnósticos sociais, articulan recursos, acompañan procesos de inclusión, e teñen un papel central na defensa dos dereitos sociais e na loita contra a exclusión.
Ambas profesións son complementarias, pero non son intercambiables. Confundir unha con outra, especialmente en contextos tan graves como un asasinato, non é só un erro técnico: é unha falta de respecto cara ás vítimas e unha invisibilización das realidades laborais e sociais de miles de mulleres que traballan no coidado, moitas veces en condicións precarias.
Por iso, pedimos aos medios de comunicación e á sociedade en xeral o correcto nomeamento das profesións. Porque nomear ben é o primeiro paso para recoñecer, valorar e dignificar. Porque sen coidados non hai vida. E sen respecto pola persoas coidadoras non hai valoración social nin dereitos laborais.
Data: Agosto 4, 2025
