20 de novembro Día Internacional da Infancia
Data: Novembro 20, 2025

O día 20 de novembro celebrase en todo o mundo o día internacional da infancia. O COTSG quere neste día facer publico un MANIFESTO  para recoller as eivas que lastran a atención as necesidades dos e das menores máis vulnerables.

Manifesto do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia
20 de novembro – Día Universal da Infancia

Neste 20 de novembro, Día Universal da Infancia, o Colexio Oficial de Traballo
Social de Galicia quere lembrar que a protección, o benestar e a participación da
infancia son unha responsabilidade colectiva, que require vontade política, recursos
suficientes e compromiso profesional e social.
En Galicia, como noutros lugares, o sistema de protección á infancia atópase ante
grandes desafíos:
• falta de recursos humanos e materiais,
• profesionais sobrecargadas,
• dispositivos de acollida saturados,
• e unha insuficiente coordinación entre administracións e servizos.
Estas carencias poñen en risco o dereito das nenas, nenos e adolescentes a medrar en
contornos seguros, estables e afectivos, tal e como recolle a Convención sobre os
Dereitos do Neno das Nacións Unidas.
O Traballo Social, dende o seu compromiso ético e profesional, defende unha
intervención centrada na infancia, que poña no centro as súas voces, as súas
emocións e as súas necesidades reais. Protexer non é só “intervir” cando hai un
problema: é previr, acompañar e garantir oportunidades.
Por iso, hoxe reclamamos:
1. Un sistema de protección público, forte e con recursos suficientes, que
garanta ratios axeitadas e apoio estable aos equipos profesionais.
2. Espazos de participación infantil reais, nos que as crianzas poidan opinar e ser
escoitadas nas decisións que lles afectan.
3. A coordinación efectiva entre servizos sociais, educación, sanidade e
xustiza, para unha atención integral.
4. O recoñecemento e apoio ao traballo das e dos profesionais do Traballo
Social, que sosteñen con dedicación e compromiso a protección da infancia
galega.
A infancia non pode agardar.
É o momento de situar os seus dereitos no centro das políticas públicas, de pasar das
palabras aos feitos e de garantir que cada neno e nena en Galicia teña a oportunidade
de vivir, aprender e soñar en liberdade e seguridade.
Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia reiteramos o noso compromiso:
coa defensa dos dereitos da infancia, coa dignidade das persoas e coa construción
dun sistema de protección máis humano, máis xusto e máis eficaz.
Porque protexer á infancia é protexer o futuro.
En Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia