Novas

O COTSG alerta de listas de agarda de ata dous anos para a valoración da discapacidade e un ano en dependencia

O COTSG alerta de listas de agarda de ata dous anos para a valoración da discapacidade e un ano en dependencia

  • A entidade contesta así ás declaración do presidente da Xunta, Núñez Feijóo, sobre o seu compromiso coa discapacidade.
  • A Xunta de Goberno gaba tamén a tarefa das entidades sociais pero lembra que “só poderá haber igualdade de oportunidades en Galicia revertendo a desmantelación do sistema de servizos sociais público”.
  • O COTSG reprocha á Xunta que manteña igual o formulario de solicitude do grao de discapacidade que provoca que as e os galegos renuncien “por descoñecemento” a 15 puntos na valoración.

Redacción, 06-11-19.-O Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG)  afirma que as declaracións deste luns de Núñez Feijóo sobre o seu compromiso coa discapacidade son “papel mollado”.

Segundo o presidente vanse axilizar os procesos de valoración. Neste sentido a Xunta de Goberno do COTSG sostén que “hai moitos expedientes sen resolver nas catro provincias que derivan en esperas que superan o que establece a lei”. Ao fío disto engaden que o caso de Pontevedra é “sangrante” pois as persoas usuarias teñen que “esperar dous anos en moitos casos en situacións desesperadas” polas súas valoracións. Desde o traballo social explican que “a solución que dá a Xunta é contratar persoal de xeito temporal” pero afirman que “é inútil porque en canto marchan comezan as novas acumulacións de expedientes”. Desde o COTSG reclaman “equipos de valoración estables con contratos mantidos no tempo”.

Por outra banda, e pese a que o COTSG xa mantivo unha xuntanza co director xeral de Discapacidade, Ildefonso de la Campa, para trasladarlle que o formulario para obter o grao de discapacidade da sede electrónica da Xunta é “contrario á norma estatal”. Porén, tras meses desta reunión, o formulario “segue a manterse igual coa intención de que as e os galegos renuncien a puntos no grao de discapacidade por descoñecemento”. Desde o COTSG explica que “o artigo 1 do Real Decreto 1971/1999, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, dispón que o recoñecemento do grao de discapacidade ten que ser uniforme en todo o territorio do Estado”. A opción que vén marcada de xeito predeterminado na sede electrónica é o NON. Deste xeito, afirman, “as persoas galegas con discapacidade quedan en desvantaxe con respecto ao resto do Estado” e, indican as traballadoras sociais, “poden estar renunciando a 15 puntos na valoración sen ser conscientes”.

Ademais, desde o COTSG sinalan que “en dependencia a lista de agarda é dun ano en todas as provincias”. A entidade explica que o decreto que “regula a valoración di que a persoa usuaria pode solicitar que ambas valoracións (dependencia e discapacidade) sexan nun único acto” pero “a xente descoñece este dereito e a Xunta non pon os medios para que isto se cumpra”. Entón, din, “as persoas sen o recoñecemento da dependencia non poden acceder á discapacidade”. Neste caso engaden que “nin sequera se contrata persoal temporal senón que os equipos están a disminuír”.

Por último, e sobre as declaración referentes ao traballo das entidades sociais, a Xunta de Goberno quere lembrar que, malia que estas desempeñan unha tarefa “fundamental”, Galicia “non vai chegar a cotas reais de igualdade en dereitos se non se muda a tendencia privatizadora dos servizos sociais”. “O desmantelamento é intencionado, coa eterna excusa da crise, e só co obxectivo de que a carteira de servizos deixe de ser pública”, afirman. Nesta liña engaden que “as e os galegos teñen o dereito a estes servizos, unha vez privatizados, pasarán a ser un privilexio”.

👉O COTSG esixe á Dir Xeral da Función Pública a RECTIFICACIÓN INMEDIATA da nota publicada onte na web da Xunta onde… https://t.co/mzYTrmatdW