Novas

“Esta formación é pioneira neste porque está feita por e para profesionais da intervención social”

“Esta formación é pioneira neste porque está feita por e para profesionais da intervención social”

“Esta formación é pioneira neste porque está feita por e para profesionais da intervención social”

Unha das últimas formacións que ofrecemos no Colexio de Traballo Social de Galicia é a de Intervención Asistida con animais no ámbito social que impartirá María Victoria Muñoz axudada da súa cadela Janis. Falamos con ela para que nos aporte claves e beneficios deste curso.  Podes inscribirte aquí

20171025_181819

_Que beneficios aporta a terapia con animais no marco do Traballo Social?

_As Intervencións Asistidas con Animais (IAA) poden aportar beneficios xerais a nivel físico, cognitivo, emocional e/ou social. O papel fundamental dun animal que se inclúe dentro dunha intervención terapéutica ou educativa é funcionar como elemento motivador e reforzador de dita intervención. No caso da intervención social, incluír animais pode axudar a reducir a ansiedade que pode provocar atoparse nunha consulta ou oficina, axudar e fortalecer a alianza terapéutica, traballar a resiliencia en épocas de cambio, desenvolver normas e rutinas, aumentar o compromiso e a motivación facilitando a adherencia á intervención e/ou tratamento, facilitar a interacción entre os membros dunha familia ou grupo e axudar a romper barreiras físicas en casos de vítimas de abusos. Tamén podemos engadir os beneficios que aportan as Intervencións Asistidas con Animais (IAA) dentro do marco concreto do Traballo Social, que podemos resumilo nos seguintes ítems:

 O traballo con animais pode axilizar a orientación individual e familiar para que os usuarios desenvolvan as súas capacidades, as cales os axudarán a resolver os problemas sociais, de forma máis rápida e positiva.

 Maior autoestima, autocoñecemento e autocontrol xa que entre outras cousas descobren que posúen habilidades cos animais e as persoas que descoñecían, aprenden a autorregularse para poder interactuar cos animais e a coñecerse mellor mediante as dinámicas terapéuticas.

 Incremento do nivel de empatía tanto cos animais coma cara a outras persoas ou colectivos, así como desenvolvemento das habilidades sociais, comunicativas e emocionais.

 Aumenta o nivel de atención e mantense cando se traballa cun animal, xa que de por si é un elemento novo e motivador, moito máis cando xa existe vínculo con el.

 Conserva e mellora capacidades a nivel individual ou grupal.

 Unha boa selección de actividades con animais reduce o estrés e a ansiedade dos participantes.

 Os animais son aceleradores sociais, favorecendo a inclusión social e a comunicación das persoas usuarias.

 Os animais reducen a sensación de soidade e illamento moi habitual en usuarios/as en situación de exclusión social e/ou institucionalizados.

_Como reaccionan os usuarios habitualmente ao traballar co can?

_Como xa mencionamos anteriormente, os cans funcionan como un elemento motivador, facendo que as persoas usuarias participen mais activamente e mostren maior atención que nas intervencións que non inclúen un animal. O can é un estímulo multisensorial que non soe ser habitual en determinados ámbitos (hospitalarios, educativos, penitenciarios, residenciais…) polo cal provoca unha focalización da atención e acelera a obtención dos obxectivos propostos. Tamén actúa como lubricante emocional, é decir, facilita a aparición de expresións afectivas nos usuarios/as e potencia a comunicación. Por suposto, sempre depende da persoa coa que estemos traballando e do grao de afinidade que podan ter cos animais anteriormente. Ademais hai que manter esa motivación ó longo do tempo, para iso tamén vese necesario potenciar o vínculo co can. En determinados colectivos, como o Trastorno do Espectro Autista, cómpre realizar un traballo previo de información e educación das persoas participantes respecto a inclusión dun animal nas sesións de traballo, para evitar a aparición de posibles medos e resistencias durante a intervención.

_Como se seleccionan os cans para facer terapia?

_Para poder participar nunha intervención, un can debe ser predecible, controlable, resiliente e sociable. Tendo en conta estes requisitos, pódense seleccionar desde pequenos, optimizando o periodo de impronta e a etapa crítica de socialización. Posteriormente iniciarase a preparación, habituando a diferentes estímulos cos que se atopará como material para terapia, axudas técnicas e os entornos terapéuticos. Unha opción moi recomendable é a de adoptar un can adolescente/adulto que presente aptitude de cara as IAA e preparalo progresivamente para traballar como can de terapia/apoio. En ambos casos, o adestramento específico será o mesmo para calquera can. Tamén deben estar nun estado óptimo de saúde física e emocional. Cómpre saber que tanto no caso de preparación desde cachorro como da selección dun can adulto, non existe unha garantía de que o can poda desenvolver a súa labor de xeito continuado, dependendo moito da xestión do estrés nas sesións e do bo estado de saúde xeral. Por último, gustaríame resaltar que debemos evitar o utilitarismo nos animais coterapeutas, non son obxectos nin ferramentas, son compañeiros de traballo que facilitan a nosa intervención. Como seres vivos que son hai que buscar o benestar deles e cubrir as súas necesidades en todo momento.

_Que tipos de intervención se poden facer con animais?

_De acordo coas definicións estándar que aporta a Pet Partners (antiga Delta Society), entidade de referencia mundial neste eido, podemos agrupalas en tres categorías segundo o tipo de obxectivos que se traballen e os/as profesionais implicados nas IAA.

– Terapia Asistida con Animais. Obxectivos terapéuticos levados a cabo por un/unha profesional sanitaria e con continuidade temporal.

– Educación Asistida con Animais. Obxectivos educativos levados a cabo por un/unha profesional educativa e con continuidade temporal.

– Actividades Asistidas con Animais. Obxectivos lúdicos sen precisar necesariamente profesionais da terapia ou da educación e de carácter puntual.

Na práctica podemos observar que acaban solapándose obxectivos terapéuticos, educativos e sociais, polo que é imprescindible contar con un equipo multidisciplinar que realice unha valoración integral da persoa usuaria de cara a obtención destes obxectivos. No caso do Traballo Social, aínda que non sexamos puramente terapeutas (por coherencia coa definición de Terapia Asistida con Animais), si somos profesionais que diriximos as intervencións, sempre deseñadas, estruturadas e documentadas, e orientadas a obxectivos marcados e avaliados neste caso pola figura do traballador ou traballadora social, que entendemos, neste contexto, equivalente á figura de terapeuta. Polo tanto, neste caso abordaremos as Intervencións Socioeducativas Asistidas con Animais como ámbito específico para profesionais da intervención social na que se traballan, entre outros, obxectivos psicosociais e/ou socioeducativos.

_ Podese facer tamén con animais traballo comunitario?

_ O traballo comunitario asistido con animais basase en beneficiar á comunidade utilizando os seus propios medios e recursos, para que mediante a relación e traballo con animais e guiados por un equipo profesional poidan organizarse para mellorar a calidade de vida dos integrantes do lugar onde viven realizando así unha axuda mutua. Os colectivos son os protagonistas voluntarios das accións e melloras dos animais cos que traballan e da súa comunidade. Este tipo de programas e proxectos fomentan a inclusión de diferentes colectivos e conciencian sobre a pertenza e responsabilidade de formar parte dunha comunidade. Este tipo de intervención aínda non está moi desenvolto en España, pero podemos atopar algunas experiencias como a de formar a mozos e mozas dun centro de menores para participar en actividades asistidas con animais procedentes de protectoras, e acudir regularmente a centros residenciais da terceira idade xunto co equipo de traballo en IAA para mostrar os seus progresos e potenciar os beneficios cara as persoas residentes. A pesar de que en España predominen mais as intervencións asistidas con animais a nivel individual e grupal, resultaría moi positivo ampliar a nosa visión e movilizar os colectivos implicados, moito mais se nos equipos de traballo de IAA contamos con profesionais do Traballo Social para desenvolver estos programas e proxectos comunitarios.

_Por que un profesional do traballado social debe formarse neste eido?

_A formación en Intervencións Asistidas con Animais non está contemplada aínda nos estudos de Grao en Traballo Social, polo que vese necesario realizar formación complementaria fóra dos ámbitos universitarios na mayoría dos casos. Ademais non se promociona suficientemente esta nova técnica de intervención, moitas veces por descoñecemento do que son as IAA. Esto únese a que a participación desde a profesión do Traballo Social non é maioritaria nos equipos das entidades de IAA, facendo que o Traballo Social Asistido con Animais esté pouco desenvolto no noso país. Pero a pesar destes inconvintes, somos moitas e moitos Traballadores/as Sociais interesados nas IAA como recurso para o noso traballo e que “nos buscamos a vida” intentando encaixar as pezas sendo coherentes coa finalidade destas intervencións e coa nosa práctica e ética profesional.

Por iso a formación que impartimos para o COTSG é pioneira neste sentido, porque está feita por e para profesionais da intervención social, abordando tanto contidos xerais comúns a todas as disciplinas terapéuticas, educativas e sociais, como contidos específicos e recursos de utilidade para os/as Traballadores/as Sociais. Tamén temos en conta os ámbitos profesionais e colectivos sociais susceptibles de obter beneficios mediante as IAA. Polo tanto, recomendamos que todo/a estudiante ou profesional do Traballo Social que ademais teña afinidade cos animais, contemple a opción de aprender sobre as IAA como un recurso útil para traballar a nivel individual, grupal ou comunitario e optimizar os obxectivos cos diferentes colectivos sociais.

20171025_181242

_Que portas abre este tipo de formación?

_Podemos realizar IAA de varios xeitos, unha sería coordinando proxectos co equipo multidisciplinar, dirixindo a intervención e participando no deseño e avaliación. Esto pode ser moi útil se traballamos nun centro, entidade ou asociación, pois coñecemos as persoas usuarias e as súas familias e sabemos de primeira man qué necesidades teñen. Tamén podemos participar en equipos de traballo emprendendo pola nosa conta, así poderemos chegar a moitos mais colectivos.

Ademais é moi recomendable realizar investigación sobre a materia para facilitar a implantación posterior de IAA con maiores garantías. Recordamos que o vindeiro curso é unha formación de introducción para comezar a adentrarnos nesta temática no caso de que se desexe seguir por esta liña de traballo, e tamén está pensado para ser de utilidade a Traballadores/as Sociais de centros e entidades que non necesariamente se vaian a adicar a esto, porque é moi conveniente ter unhas nocións básicas e saber distinguir boas practicas se nos veñen a ofertar IAA o noso centro. En anteriores edicións deste curso organizado polo COTSG, algunhas alumnas comezaron a súa andadura formativa e profesional neste ámbito despois de cursalo, combinando a realización de IAA con outros traballos ou directamente pola súa conta, e outros alumnos/as optimizaron as intervencións asistidas con animais que se realizaban nos seus centros de traballo, aportando ideas e mellorando os proxectos en xeral.

 

 

 

 

Antes de que remate a fin de semana queremos volver sobre a #saúdemental e os #paliativos. Para iso falamos coa com… https://t.co/sNOHyeX36X
Hoxe é o #DíaMundialDaSaúdeMental e por iso entrevistamos á compañeira de #colexiación Gemma González, traballadora… https://t.co/p9aTiMnbjd
Grazas a @lavozdegalicia pola súa pronta rectificación na terminoloxía e, deste xeito, mudar "traballos sociais" po… https://t.co/XDuM1insbh
Enviamos unha carta a @lavozdegalicia porque non cremos que Yosi, de Los Suaves, teña formación para facer traballo… https://t.co/5HxBIWz3Fo
Desde o #traballosocial tamén axudamos a tecer recordos #tecendorecordos https://t.co/5B2nMXYYE2
Lamentamos que a Xunta obvie completamente a parte social na planificación da volta ás aulas. Non se fixo ningún es… https://t.co/bwaCFHZfrp