Novas

Belén Navarro: “Se queremos ter unha praxe dirixida á xustiza social o feminismo é un eixo trasversal para logralo”

Belén Navarro: “Se queremos ter unha praxe dirixida á xustiza social o feminismo é un eixo trasversal para logralo”

belennavarro

Belén Navarro traballa no servizos sociais comunitarios de Almería. Pero sen dúbida, o maior mérito de Belén é contalo. E non contalo de calquera xeito, senón con traballados razoamentos, no seu blog Trabajo Social y tal. Nel poderedes atopar casos que atopa no traballo e tamén reflexións máis xenéricas. Entrevistámola co gaio do Día Mundial do Traballo Social.

- Por que é importante o Día Mundial do Traballo Social?

– En primeiro lugar polo obvio, porque é unha excusa para reivindicar unha serie de demandas que temos as e os traballadores sociais. Por outra banda, tamén é importante que por parte do Consejo General e da Federación haxa unha axenda global que, por enriba dese día, se estea traballando. Polo tanto, aunar o día do traballo social cunha axenda global paréceme moi interesante .

- Falas do Consejo, que opinas da estrutura colexial a nivel estatal?

– O Consello e os colexios, como estruturas clásicas que son, son susceptibles de mudanzas, claro. Eu o que creo é que as dificultades que poida ter o Consejo non son tanto de estrutura (eu sei que hai unha corrente de xente que avoga porque a presidenta debería ser escollida por todos os colexiados, que me parece ben), pero máis alá diso eu creo que os cambios que debería haber por parte de colexios e consellos son de contidos. Eu boto de menos, partindo de que eu son partidaria de que estes órganos existan, que sexan máis reivindicativos. Eu observo que se adolece de certa institucionalización, creo que ás veces fáltanos reivindicación. Por outra parte, creo que os colexios deberían tender máis pontes entre teoría e práctica: por exemplo, a nivel investigador, dísenos moito aos profesionais que non investigamos. Eu creo que aí os colexios xogarían un papel importante de cara a formar aos profesionais nesta disciplina.

- O outro día entrevistamos a Alejandro Robledillo que, a raíz do teu artigo sobre posverdade e a corrente neoliberal dentro do Traballo Social, dicía que el, sendo de esquerdas, cría que a dialéctica era o camino para avanzar e que, polo tanto, lle parecía ben…

– Eu estou de acordo con Alejandro. O problema, desde o meu punto de vista, non é que haxa traballadoras sociais que mercaron o dogma neoliberal. O problema é que moitas veces non son conscientes. Eu no blog discuto con xente que, polos comentarios que me fan, deduzo que son votantes do Partido Popular… o problea é que negan esa vertente máis neoliberal. As e os traballadores sociais que nos dicimos de esquerda non o ocultamos, non temos vergoña en falar da politización como algo positivo. E ollo, que cando falo de politización non me refiro a partidismo, refírome a ideoloxía. As traballadoras sociais neoliberais non sacan as cartas para debater. Alejandro ten razón, ten que haber dialéctica para que poida haber cambios, pero entón todos temos que xogar coas cartas enriba da mesa…

- Vaia, que é unha cuestión de que cada quen recoñeza o que é…

– Claro, eu enténdoo e paréceme positivo que haxa persoas que teñan outra visión dos posicionamentos do traballo social. A min cústame admitilos porque os meus son distintos, pero paréceme positivo. Pero temos que saber a que xogamos e partir de posicionamentos claros. Non pode ser que eu me identifique e o de enfronte non.

- Aínda que o Traballo Social é unha profesión altamente feminizada, cres que os e as traballadoras sociais deberían levar a cabo unha praxe desde o feminismo?

– Totalmente. De feito o outro día estiven lendo un artigo da revista da Complutense que falaba dos dilemas éticos desde a perspectiva de xénero e o feminismo é unha cuestión trasversal que afecta a toda a nosa vida. Se queremos ter unha praxe dirixida á xustiza social o feminismo é  un eixo trasversal para logralo. Por iso che dicía antes que me costa posicionarme en prantexamentos diferentes, porque eu entendo o feminismo como unha das partes da xustiza social que é polo que loitamos as traballadoras sociais, polo que eu penso que é indispensable.

- Hai uns días na páxina de Facebook do Colexio posteamos un artigo de opinión sobre que os enfermos non son loitadores, a raíz do caso de Pablo Ráez. Xerou moito debate na nosa páxina

– A min non me parece mal que o debate se produza. Volvemos ao que falabamos antes da dialéctica… está ben que os colexios xeren e divulguen este tipo de contidos e que a xente se posicione.

- Non hai moito falabas no teu blog do maldito carné de pobre. Cres que esas medidas favorecen aínda máis a exclusión social?

– Completamente, eu véxoo todos os días no meu traballo de atención primaria. As dinámicas de exclusión agrávanse porque as persoas esquecen un proxecto de vida emancipatorio e ten que ver coas ferramentas que se lles ofrecen, que é pan para hoxe e fame para mañá.

- Ultimamente hai unha explosión do libre exercicio da profesión, como valoras ti isto?

– Levo tempo pensando niso e en escribir unha entrada no blog pero aínda non me animei. A ver, eu estou a favor do emprendemento, vivimos nunha sociedade capitalista e é absurdo estar en contra. Estou a favor dun emprendemento como o do propio Alejandro, como Israel Hergón e como moitos e moitas traballadoras sociais que están facendo cousas novas pola súa conta moi interesantes. Do que estou en contra é dun emprendemento que vaia en detrimento dos dereitos da cidadanía. Eu isto vivino moi de cerca na creación da lei de servizos sociais de Andalucía. E tivemos un debate moi forte coa asociación de traballadores de libre exercicio porque querían entrar con calzador na lei. E claro, o tema non é que a xente emprenda, que está moi ben. O problema é como queres facelo… ocupando nichos de emprego que deberían ser do funcionariado público? Esa é a miña primeira dúbida con isto. A segunda é que me preocupa que desde as universidades se lles dea aos estudantes unha idea moi naíf do que é o emprendemento. Emprender no Estado Español é moi complicado, non se aposta desde o goberno por iso.

- Que papel xogan os medios de masas en relación á depauperación dos Servizos Sociais?

– Eu aquí son bastante autocrítica porque creo que xogan o papel que nós lles deixamos que xoguen. Os medios de comunicación de masa están moi abertos á perspectiva que, desde o mundo profesional, ti lles ofrezas. Sempre hai unha parte de morbo ou amarelismo pero moitas veces ofrecen as noticias dun xeito porque non coñecen outro. E as traballadoras sociais traballamos pouco por mudar esa percepción sobre os servizos sociais en xeral e o traballo social en particular. Eu creo que temos medo aos medios, danos medo escribir neles e iso hai que perdelo.

👉 Valoramos positivamente que o #Sergas veña de cubrir a praza tras a nosa reclamació e a da @galizaCIG 👉As consecu… https://t.co/NCNn2niVro
Tal e como recollemos na nosa #GuíaDeComunicación, a nacionalidade non aporta nada á noticia e só parece que busca… https://t.co/0B0WBbzlwf
👉Desde o COTSG trasladamos aos responsables a situación que viven as e os compañeiros dos EVOS e o deterioro dos de… https://t.co/iPUA4xJ6Bd
Demandámoslle ao #SERGAS que cubra a praza de #traballosocial no hospital público da Mariña que queda baleira en va… https://t.co/kQMYpV93TQ
Lorena Añón, profesora da EUTS para @el_pais: “Nos xuízos fálase das mulleres drogadas ou borrachas de xeito consta… https://t.co/q4PDcNjDgo
🙋‍♀👉Xa podedes descargar a revista galega de Traballo Social Fervenzas https://t.co/4LEYzQqhVJ 👓📖con relatos de mul… https://t.co/3FnAVXCioJ