Novas

As e os traballadores sociais temos que transmitir unha imaxe menos pesimista

As e os traballadores sociais temos que transmitir unha imaxe menos pesimista

Coa ironía (que xa case retranca despois de tantos anos en Galicia) que o caracteriza, Alejandro Robledillo aténdenos por teléfono. Entrévistámolo co gaio do Día Mundial do Traballo Social, xa que vai ser o presentador do acto. Este 50% traballador social, 50% escritor, reflexiona sobre o libre exercicio, a estrutura estatal da colexiación e algunhas cousiñas máis.

robledillo2

- Que é para ti o Día Mundial do Traballo Social?

Ante todo, unha oportunidade para poder reflectir o que somos e o que facemos á sociedade. Tamén para recoñecérmonos a nós mesmos e a nós mesmas. É o noso día de portas abertas no que lle podemos explicar á sociedade que é o Traballo Social e que aportacións realizamos para facer do mundo un lugar mellor.

- Escribiches dous libros: que te definirías primeiro, escritor ou traballador social?

Eu creo que ante todo son traballador social, a miña literatura está claramente vinculada á profesión e o esforzo literario pasa, sempre, por un esforzo persoal para visibilizar a profesión á sociedade, tamén para definirnos.

- En que situación, a nivel social, cres que está agora mesmo o traballo social?

Pois, paradoxicamente, eu creo que é un intre de moitísimas oportunidades. Nos últimos anos vimos que xurdiu unha nova xeración que empezou a emprender e iso abriu un novo campo que, ata hai uns anos, prácticamente descoñecíase. É dicir, iniciativa empresarial dentro do traballo social. Creo que, como en toda crise, xurden oportunidades que, se se enfocan ben, son positivas. Nestes intres eu creo que, o traballo social como profesión, estaba anclado á parte administrativa, á xestión de recursos que nos ofrecían os Estados. A crise, o que xerou, foi a motivación en moitas persoas de atopar outros espazos e aportacións que van máis alá diso. E, en concreto, eu penso que o Traballo Social é unha profesión que ten moitísimo que aportar a nivel de empresa, de iniciativa particular. Esta apertura de miras eu creo que é o que máis nos pode aportar en positivo.

Se pensamos no negativo, pois é que nos estamos enfrontando directamente a unha crise do Estado do Benestar e iso inflúenos ás persoas que vivimos dentro del.

- Como poden os colexios axudar a ese libre exercicio do que falas?

É complexo. Aí a miña visión é que os colexios profesionais chegan ata onde poden chegar. Son entidades que representan a todo o colectivo, por iso andan facendo claqué nun cable complicado. Teñen que lidiar coa colexiación, coas administración… tamén aprezo que hai unha sobreformación dentro da profesión. Eu xa non sei cantos cursos de iniciativa empresarial din, cantos vin anunciados… Eu creo que este tipo de iniciativas corren máis da man dos propios profesionais que estamos involucrados. Cando falamos de innovar, falamos de crear algo novo, algo que non se coñece, sempre é unha aposta moi persoal. En definitiva, o Colexio ten que ser unha guía, unha axuda, un contacto entre os propios colexiados. Eu tiven unha empresa de traballo social e contactei co COTSG e  a verdade é que, fóra das formacións, o que máis agradecín foi que me puxerades en contacto con outras persoas que realizaban proxectos parecidos. Entón, eu creo que esa canle de comunicación entre nós mesmos é o maior valor que tedes como entidade.

Hai unha sobreformación dentro da profesión

- O outro día compartimos un post de Belén Navarro no que falaba de posverdade e dunha corrente de Traballo Social que mercara o dogma neoliberal aplicado aos servizos sociais…

Bueno… se somos realistas o Traballo Social tamén serve para iso. Quero dicir: o Estado do Benestar naceu como unha ferramenta do propio capitalismo para conter as revolucións, para que a xente tivese o mínimo para vivir ben. Eu creo é interesante que, dentro de calquera profesión, existan diferentes opinións, diferentes correntes porque é dese debate de diversas correntes de onde remata xurdindo a innovación. Eu persoalmente, opino como Belén. Eu defínome claramente de esquerdas e aposto polos servizos públicos e estou totalmente en contra dese discurso. Pero non é un discurso que me preocupe, creo que é un discurso san. O traballo social ten que desenquistarse do discurso monotemista e eu, que son de esquerdas, creo que é da dialéctica de onde xurden as evolucións.

O Estado do Benestar naceu como unha ferramenta do propio capitalismo para conter as revolucións

- E falando de evolución… mudarías algo da estrutura colexial estatal?

Por suposto. Algo que me parece aberrante, como colexiado que son é que o máximo órgano de representación a nivel estatal, que é o Consejo, non sexa elixido polos propios colexiados, senón a través das presidencias de cada sitio. Creo que, como persoa colexiada, teño dereito a escoller ao meu representante. Sempre o comparo co sistema de votacións do noso Estado. Sería ridículo que, ao presidente do goberno, o votasen os distintos presidentes autonómicos. Ao mellor eu para a autonomía quero unha persoa ou partido e a nivel estatal quero a outro. O que non tería lóxica é que fose Feijóo quen votase ao presidente do goberno xunto cos demais presidentes autonómicos. Eu a iso non lle vexo ningún sentido.

Logo tamén creo que se están facendo cousas moi boas. Ten unha gran visibilidade, esfórzanse por manter vivas as súas canles comunicativas como a revista do Consejo ou o grupo de Facebook. Todo iso é positivo, claro, pero o sistema de elección, falando claro, non me gusta.

- Coas condicións actuais da profesión, se unha persoa de 18 anos que vai entrar na carreira, che dixese que quere facer Traballo Social, que lle dirías?

Que adiante! Pero vamos, se me di Traballo Social ou se me di Humanidades. Ese discurso xa existía antes e aínda estábamos no boom económico: que hai carreiras que teñen máis saída e outras que teñen menos. Eu creo que o que garante a felicidade e un posto de traballo é que o que fagas che guste. E despois este tremendismo que hai, sobre todo nas redes sociais sobre o Traballo Social é mentira. Eu creo que a nosa é unha profesión con moitísimo futuro, pola miña experiencia e as persoas do entorno. Temos nichos de emprego por abrir, podemos aportar moitísimas cousas, o que pasa é que a xente queda só na administración e láiase porque non saen prazas desde hai X anos. E que? Eu por exemplo nunca traballei na administración pública. E traballo nunca me faltou.

O que garante a felicidade e un posto de traballo é que fagas o que che guste

- Este ano o COTSG opta por un formato de acto para o Día Mundial do Traballo Social máis desenfadado no que ti vas ser parte fundamental…

A min o que máis me gusta deste ano é o cartel, encántame o voso cartel, creo que vivimos nun momento dun ñoñismo terrible e o cartel que este ano nos intentou impoñer a Federación Mundial de Traballadores Sociais é unha horterada. Ademais unha horterada igual de hortera que os últimos tres anos. Entón, que teñades a valentía de proponer a vosa propia visión, que non ten nada que ver, seguramente, con unha que vén de Alemaña, paréceme precioso.

O cartel que intentou impoñer a Federación Mundial de Traballadores Sociais é unha horterada

Pola miña banda, vou tirar do humor que me caracteriza e póñome do voso lado para que sexa un acto fresco, divertido e que realmente nos represente como o que somos: persoas que tamén somos capaces de deixar de queixarnos, que somos capaces de divertirnos e de disfrutar da vida, porque transmitimos unha imaxe súper pesimista.

robledillo1

#Medios Enviamos unha carta a @LaRegion para precisar que a figura do #traballosocial non é a mesma que a de auxili… https://t.co/saoZSuPEh7
O COTSG pide á Xunta que poña a figura do #traballosocial como "clave" no rastrexo da #covid19 en #Galicia, un trab… https://t.co/mIP0aUE91k
Compañeiras da Xunta de Goberno estiveron na #homenaxe realizada polos Colexios Sanitarios ás vítimas da #covid19.… https://t.co/OZymJRtFDR
A nosa profesión está presente, co resto de profesionais da #sanidade no acto de recoñecemento da entrega das Medal… https://t.co/wl3xujQ5wH
.@prazapublica recolleu a estrea do #documental do COTSG que codirixiu a colexiada lucense Sagrario Fernández con X… https://t.co/rOq5cOnDYH
👉Estreamos o primeiro documental galego que aborda a situación da vivenda 👉Grazas á colexiada Sagrario Fernández po… https://t.co/hnTiN5N0Fq
Hoxe presentamos o noso #programa arredor do #traballosocial á candidata pola #Coruña @LucaChao_ de @EnComun_Gal https://t.co/IK0u3kdhPS
.@EPGalicia recolle o noso rexeitamento aos bonos e tamén a nosa postura sobre o bono á dependencia e a tarxeta mo… https://t.co/A5oHBmitCX