MANIFESTO COTSG 8 DE MARZO. Chamamento a participar na folga e na manifestación do día 4 en Vigo.

faixargb2

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, adheriuse ao manifesto da folga xeral feminista convocada para este 8 de marzo, día internacional polos dereitos da muller e da paz internacional, segundo se estableceu en 1977 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas. Do mesmo xeito, o COTSG anima a toda a colexiación a acudir como colectivo a manifestarse o 4 de marzo en Vigo, pola defensa dos dereitos das mulleres. Entendemos que o noso papel como promotoras do cambio social, conleva a loita activa e a pe de rúa, xunto con todas as compañeiras, para reivindicar un novo contrato social, escoitando todas as voces e apoiando esta loita cóbado con cóbado, berro a berro e non só desde os despachos, permanecendo illadas e desde unha posición, que pouco ten que ver cos marcos teóricos que defendemos de relacións horizontais, intervencións comunitarias e perspectiva crítica e de xénero.

Por todo isto, desde a coherencia e o rigor, quixemos facer unha campaña de participación-visibilización sobre os por ques desta folga, algo tan sinxelo como unha foto e unha frase, e así iniciar esta nova etapa do noso Colexio e abrilo ás voces e participación de todas e cada unha das colexiadas e colexiados. Como análise desta campaña podemos deducir que nos costa pensar e  expresarnos, semella que son cousas tan obvias que temos tan interiorizadas, que non nos damos conta que, de non expresalas, permanecerán no ámbito privado.

Pouco a pouco, ao longo destes días, fomos vendo como a xente se ía soltando máis: pola igualdade, por non ter medo a ir pola rúa, pola miña nai, por todas, pola corresponsabilidade, por unhas condicións laborais igualitarias, polo emprego que traballo temos abondo, por un futuro mellor, por amor, polos dereitos, polas coidadoras… moitas foron as voces que sairon desta campaña e moitas voces, quedaron sen expresión algunha, voces de colexiadas e colexiados que decidiron manterse ao marxe desta campaña. Os motivos teraos que repensar cada un e por suposto, desde a nova Xunta Directiva deste noso Colexio facemos crítica e entendemos as dúbidas que se poidan plantexar, mais incidimos na nosa teima de abrir o colexio a toda a colexiación, de construir un novo Colexio entre todas e todos, un Colexio noso e para nós, onde todas teñamos un espazo e sexamos importantes, onde todas podamos expresarnos e opinar, propoñer, facer crítica… e construir un Colexio máis dinámico, activo e participativo; por todo iso, imos expoñer algúns dos porques entendemos que como Colexio debemos manifestarnos e ir a folga deste 8 de marzo.

Este ano vai estar marcado por unha folga feminista internacional #2018M. Contra a cultura e a educación machista, contra o neoliberalismo que produce corpos e vidas descartábeis e contra a división sexual e racista do traballo! #Preparate

Seguindo estes eixes que marcan a convocatoria desde as Plataformas Feministas, facemos a seguinte análise como profesión feminizada que somos. Como de todas é sabido, as mestras, enfermeiras e traballadoras sociais foron as tres profesións feminizadas por mandato machista, dentro da escala de distribución de valores, en canto a profesións, importancia das función das mesmas e escala de valoración-recoñecemento económico-social. Esta foi así unha forma de dividir os saberes, dando maior importancia e valor, a aquelas profesións desempeñadas maioritariamente, naqueles tempos, polos homes: Licenciaturas como Dereito, Medicina, Enxeñerías… asignando-permitindo o acceso das mulleres ao saber científico e estudos universitarios de menor rango, relacionados cos coidados,  diplomaturas e tamén menor retribución económica e recoñecemento social. Non é extraño que a día de hoxe, se sigan considerando profesións de segundo rango, a pesares dos cambios que conlevou Bolonia e os Graos, e de aí a merecida reflexión sobor como o estamos afrontando. Seica, despois de tantas análises feitas, sobre a importancia dos “coidados” para que funcione o mundo, porque que sería deste funcionamento sen mestres, enfermeiras e traballadoras sociais, entre outros colectivos que conformamos estes COIDADOS. Como digo, seica a día de hoxe, aínda temos unha loita pendente, para acadar o noso espazo neste sistema social que nos veu dado, e debemos ser quen de definir, construir e deseñar un novo contrato social, onde se poña en valor a nosa profesión e indiscutiblemente defender as condicións, importancia e necesidade dos nosos postos de traballo, todo sexa dito.

Se analizamos as realidades coas que nos atopamos día a día, as persoas que acompañamos e que demandan da nosa axuda, son maioritariamente mulleres. Entón, como podemos dicirlles que deben loitar, explicarlles o significado das relacións patriarcais e a importancia nas súas vidas e en todo o sistema no que nos vemos inmersas, se non somos quen de baixar á rúa a defender xuntas isto que predicamos? Falamos moito da necesidade de volver ás orixes, do traballo grupal e comunitario, de que nos vemos inmersas entre papeis e burocracia, de relacións horizontais, onde non haxa a figura de experto, senón do trato entre iguais, e permanecemos nos nosos despachos, facendo protocolos, programas, publicacións… para ser as “expertas” en todos e cada un dos temas que tratamos. Entón, de que estamos falando, onde está a coherencia e o rigor, a autocrítica e a reflexión?  Falamos de empoderar ás mulleres, de crear redes e nós, estámolas creando? ou continuamos cos medos, desconfianzas, pechando os espazos ás compañeiras, xulgando as actuacións das outras e limitando a nosa participación, porque nos cremos distintas e máis formadas?. Non sei eu, que tipo de coherencia podemos defender, se non sumamos teoría e praxe, e temos en conta tódalas voces e iniciativas, aportando o mellor que cada unha sabe, sinte e pode facer, e apoiando ás que comezan o seu camiño nesta andaina de acompañamento aos que nos precisan, como brúxulas ou faros e non muros aos que haxa que subir e/ou derrubar.

Contextualizando esta reflexión do 8M desde o Traballo Social de hoxe, non podemos deixar de nomear os retrocesos que supuxeron cambios lexislativos como a lei de Dependencia onde se deixou de asumir o pago a seguridade social das coidadoras, que viron así mesmo rebaixadas as contías das libranzas para coidados, mentres se primaron os servizos de atención privatizados. Do mesmo xeito, vemos como estes non dan cobertura á gran maioria dos dependentes e como a calidade se ve cuestionada pola escasez de persoal e a falta de supervisión-vixiancia por parte das Administracións que permiten o incumprimento das normativas e un trato denigrante e inhumano aos nosos dependentes e traballadoras sociosanitarias, permitindo que as empresas gañen cartos sen cumprir os mínimos establecidos. Mentres, observamos como as coidadoras teñen que xustificar a esmorga das contías que lles dan para a atención e os coidados no fogar. Entón como non imos sair a rúa a manifestarnos e ser a voz das que non a teñen?

Estes días, poidemos leer varios artigos, sobre a  a influencia na saúde destas relacións patriarcais, na saúde das mulleres, das persoas con distinta orientación sexual a establecida polo heteropatriarcado, da saúde dos homes aos que non se lles permite expresar os seus sentimentos e contradiccións nun sistema heteronormativo onde o machismo leva implícito o poder e relacións de sometimento. Vemos como seguen sendo os homes de poder, os que queren decidir sobre os nosos corpos, mantendo eses grandes teitos de cristal que resultan imposibles de escachar se non estamos unidas.

E vemos como as mulleres seguimos sendo violadas, asasinadas, como as medidas contra a violencia machista seguen sen ser efectivas, porque culpabilizan as vítimas, en lugar de centrarse nos agresores, e séguenas deixando en situacións vulnerabeis e sen cobertura de apoio real e efectivo, que dificulta e imposibilita que moitas den o paso e denuncien para romper coas cadeas cas someten.

Sorprendennos as violacións masivas, as actuacións machistas entre os mozos e non somos quen de pararnos a pensar e repensar, como o sistema educativo e cultural, segue reproducindo e mantendo este tipo de relacións de dominación-sumisión. E si, as traballadoras sociais debemos estar aí, loitar pola importancia da nosa labor no sistema educativo, esa é unha batalla que debemos emprender. O motivo é que estamos vendo como neste sistema neoliberal cada día se condiciona máis o acceso á educación das nosas fillas e fillos, principalmente das fillas porque continuamos convivindo con este sistema de coidados patriarcal, onde son as mulleres as que teñen que asumir os coidados dos menores, dependentes e enfermos, as tarefas do fogar, e non son as mesmas realidades e tempos, para aqueles que poden externalizalos, contratando a outras mulleres, ultimamente doutros países e peor situación social, que para as que teñen que seguir asumindoos, e continuamos así coa cadea de feminización dos coidados e limitación do acceso a educación e a propia vida, das mulleres de hoxe e das nenas que serán mulleres mañá.

E rematando, con este entramado, onde os piropos seica son cultura popular, cousificándonos desde os medios de comunicación… e poderiamos seguir falando, dos porqués as traballadoras e traballadores sociais debemos apoiar a folga do 8M e acompañar na manifestación do vindeiro 4 de marzo. Pola dignidade da nosa profesión, polo noso ben facer como profesionais, por nós e a poboación a que atendemos, pola nosa saúde, polas nosas fillas e fillos, e máis concretamente pola necesidade de construir un novo contrato social con, para e desde as persoas que convivimos e compartimos espazos, e estes días van diso, de compartir espazos, de arrimar o ombreiro e berrar xuntas, porque o resto dos días xa teremos tempo para analizar e teorizar, mais sempre sen perder o contacto coa realidade na que pretendemos influír.

E parafraseando a Silvia Federici, desde o Colexio de Traballo Social de Galicia queremos expresar que o noso obxectivo non é acadar a” igualdade” cos homes, non queremos un oco nos seus espazos de poder para ter os seus mesmos privilexios e seguir mantendo así as mesmas relacións de opresión que están destruindo a humanidade enteira e ao noso planeta. Non se trata de acadar a igualdade, senón de transformar este sistema capitalista e patriarcal de raíz e construir un novo modelo social más sostible e humano. E seguindo as liñas desta mesma autora, entendendo co traballo doméstico está modelado en función de necesidades que non son as nosas, senón as do mercado capitalista que se aproveita do traballo dos coidados non remunerado das mulleres. Un dos desafíos de hoxe é repensar as tarefas e organizalas de forma cooperativa e común.

Desde este Colexio Profesional de Traballo Social mantendo o obxectivo xeral de procurar as condicións para unha vida digna, continuaremos loitando contra as dificultades que hoxe en día nos atopamos, para poder coidar e coidarnos, para acceder á sanidade e á saúde, á educación, a unha renda básica,  por unhas mellores condicións laborais, polo benestar social, por recursos para as víctimas de abusos, pola reforma das leis, polo respeto das diferencias e preferentemente pola defensa dos dereitos humáns e a sostenibilidade, e desde este noso Colexio profesional remarcamos a necesidade de volver ás orixes indíxenas que tantos valores e saberes nos aportan nesta liña de respeto ao multiverso humano e ao noso planeta.

Un saúdo e continuemos a loita, sóbrannos os motivos, só temos que poñerlle ganas.
#ContraPobreza neste contexto, son precisos uns servizos sociais dotados de persoal e ben orzamentados para que as… https://t.co/zMTZP9eUop
#ContigoDamosACara Empezamos a nosa campaña de cara ao 19 de outubro, o Día Mundial do Cancro de Mama. Neste caso d… https://t.co/LfOAmPrxhn
Levamos a cabo esta infografía cos puntos fundamentais que @FEAFESGalicia subliña no #DíaMundialSaludMentalhttps://t.co/5mMSwcSzd4
#OBlogDoCOTSG 🔴A compañeira de Xunta de Goberno, Ana Vilar animouse a publicar este artigo que reflexiona sobre o m… https://t.co/TYIYPLRtME
A traballadora social é fundamental nos equipos multidisciplinares que tratan saúde mental e para o desenvolvement… https://t.co/SB13a4OFFg
👉A pasada fin de semana o COTSG presentou un relatorio nas Segundas Xornadas Estatais de Servizos Sociais Locais do… https://t.co/rZxLk2BdO6
Hoxe é o Día Internacional das Persoas de Idade. A mellor homenaxe é reclamar mecanismos de envellecemento activo e… https://t.co/lT45dyVK3V
Sumámonos á campaña de @FagalAlzheimer do #DíaMundialDoAlzhéimer. A memoria componse de moitas cousas e é a nosa ob… https://t.co/rqs2WAxiQd
‼OLLO! No COTSG sorteamos unha viaxe formativa a Madrid para a colexiación e encargámonos dos gastos da matrícula e… https://t.co/iVvkEvFSut
👉Unha mostra máis do poliédrica que é a nosa profesión e da súa importancia para mellorar a vida e dar certezas ás… https://t.co/MwA1mR94Zh
🔴🔴Lembrade que o sábado 22 de setembro ás 11.30h está convocada unha xuntanza no Centro Sociocultural de Fontiñas d… https://t.co/XP0NhWaNEY
Os procesos de construción social deben ser sempre de arriba a abaixo e contando con todos os axentes que conforman… https://t.co/UADm9yEKFD